A ironía galega

luís seoane 136 ANOS DE OPINIÓN /HEMEROTECA

OPINIÓN

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Día, 17 de maio de 1994

A burla gallega es un consuelo y una defensa, es una rebeldía», escreveu Don Miguel de Unamuno referindose á ironía galega. «Lo burlesco abunda en la literatura gallega, y puede decirse que lo satírico mais lo elegíaco son sus dos cuerdas», insistiu Unamuno, e así asentaba en poucas liñas máis das características a que foi máis fidel a arte literaria, e mesmo as outras artes, de Galicia.

Analiza este sentimento un cronista que hai muitos anos, en 1919, publicou un livro hoxe case esquecido, que leva como subtítulo Idearium dun aldeano, e que o adica aos emigrantes e «á redención de Galicia», engadindo que «ía sendo tempo que aprendesen os emigrados a unirse para a loita como homes libres». O autor, Pita y Sánchez-Boado, trazou nel belas e meditadas páxinas dedicadas a problemas políticos, sociais e culturais de Galicia, pensados e escritos no antigo casal dos seus avós en San Xoán de Valmaior, na beira do Cantábrico. A súas ideas de aquela, hai perto de corenta anos, darredor das características da alma galega, son precursoras das que expoñen, en termos filosóficos máis concretos, con máis rigor, os ensaístas actuais Rof Carballo, Rafael Dieste, Ramón Piñeiro e García Sabell, entre outros.

O carácter das xentes de Galicia orixínase nunha actitude sentimental face á natureza que lles rodea desde o seu nascimento, e nos homes que, na auséncia de aquela, mergúllanse na saudade. Nas cantigas dos poetas medievais está presente esta sentimentalidade, unida á lembranza misteriosa, lonxíncua, da natureza e da infáncia. No renascimento literario de Galicia, Pondal, o poeta que parece máis alonxado nun tempo sen historia, de druídas e de guerreiros, denuncia na súa balada A Campana de Anllóns, como foron revelando a Curros, entre os seus broncos poemas políticos e sociais e Rosalía, a máis grande deles, entre a ironía que pugnaba por dominar en muitas das súas criacións. Sentimentalidade é a que sobresai na máis consagrada música galega, na medieval de Martín Codax e na de Marcial del Adalid, Montes e Pascual Veiga dos séculos XIX e comezos do actual. Desta agudización da sentimentalidade nasce a ironía galega. Esa ironía que se manifesta nas cancións populares, nas obras de grandes artistas galegos como Castelao e Maside, e que ten como antecedentes ilustres a Benito Jerónimo Feijóo, ao Cura de Fruime, a Rosalía Castro e que se manifesta nas páxinas máis recentes de Julio Camba, ou dese humorista que vendeu a súa alma e a súa pluma á vileza e á traición, como Fernández Flórez.

Ironía galega que está permanentemente presente nos persoaxes de Don Ramón del Valle Inclán e que unhas vezes anda na boca habituada aos máis tenros e enganosos madrigais do seu Marqués de Bradomín, e outras manifestase entre os ditos expresivos, ás vezes bárbaros, do seu Don Juan Manuel Montenegro, ou do seu Cara de Plata. A ironia direita e ferinte de La Reina castiza, ou de Los cuernos de Don Friolera, ou das novelas de El Ruedo Ibérico. Valle Inclán foi un mestre da ironía como o foi Castelao na súa obra escrita tanto como na súa obra de debuxante.

O sentimento idealizado da natureza e dos homes facíalles ver máis esaxeradamente o contraste da vida que os rodeaba, agravando a súa sentimentalidade. É a ironía de Rafael Dieste en El loro disecado ou El jardín de Plinto do seu livro de contos publicado en Buenos Aires, ou das crónicas en Compostela de Borobó. Nas aldeas de Galicia soa coa música do vello violino de cordas anodadas a letra da canción retranqueira dos cegos, e, as bocas dos feirantes, palpebrexan nos ollos e asómanse aos labios, as frases pícaras e aguilloadas que sinalan un contraste entre a realidade e o mundo ideal que eles, os campesiños, se formaron das cousas que os rodean: así como zoa con donaire a senténcia política ou social, irónica, as cancións que o povo canta entre outras carregadas de sentimento lírico. É a queixa burlona do que escreveu Pita Sánchez-Boado no seu livro case esquecido. É a mesma queixa irónica que o emigrante fracasado de Buenos Aires escreve, no seu idioma galego, na base do monumento a Colón: «Por qué non te calaches, Almirante».

AUDICIÓN RADIOFÓNICA DE

GALICIA EMIGRANTE.

Buenos Aires (22-IV-56).