«Linguae vasconum primitiae»

víctor freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Andrés Urrutia Badiola, presidente da Euskaltzandia, a Real Academia da Lingua Vasca, que agora cumpre cen anos, agasallounos cunha fermosa edición facsimilar da Linguae vasconum primitiae, a primeira publicación impresa da que temos noticia en éuscaro, nunha versión plurilingüe que inclúe traducións ao chinés, árabe, quechua, romanés e linguas xeograficamente máis próximas como o catalán e o galego. A versión galega é do profesor e compañeiro da RAG Manuel González González. Xa en 1995 a Euskaltzaindia publicara unha edición na que, ademais do texto orixinario en vasco, incluía traducións ao castelán, francés, inglés, alemán e italiano. Esta edición de agora (2013) vén complementar aquela, precedida dun limiar do académico Xabier Kintana no que se comentan as relacións que as distintas linguas teñen ou tiveron na formación e desenvolvemento histórico do éuscaro.

A linguae vasconum primitiae saíu do prelo por vez primeira na cidade de Burdeos en 1545. O seu autor foi un crego das terras de Baixa Navarra, Bernard Etxepare, e a obra está composta por catorce poemas de mediana extensión nos que se abordan temas diversos, dende cuestións relixiosas ata as vicisitudes dos lances de amor, consellos para levar adiante as relacións entre as parellas, defensa da muller contra os abusos do home, reivindicación da terra de Garazi, de onde é natal o autor, «porque alí recibe o éuscaro o rango que merece» e un breve pero moi sentido canto final á lingua: «Se ata agora permaneciches sen ser impresa /desde hoxe camiñarás por todo o mundo (…)./ Ningunha lingua, nin a francesa nin outra/resulta arestora comparable á vasca!». E no seguinte poema engade: «Os vascos eran apreciados en todos os lugares,/ pero todos facían burla da súa lingua/ porque non estaba impresa en ningún escrito./Agora van comprender que fermosa era!»

Como editor chámame a atención a peripecia persoal do autor, acusado de participar na guerra de Navarra a prol do rei de Aragón, Fernando o Católico, mais sobre todo o significación que en todo momento se lle dá ao texto impreso como marca de prestixio para un idioma que ata entón, como lle sucedeu ao galego durante séculos, vivía en estado ventureiro, no caso do éuscaro mesmo sen a poderosa memoria da nosa lírica medieval. En segundo lugar, a presenza do mecenas ou amigo que finanza e fai posible a publicación, «o nobre e xusto avogado do Rei, o señor Bernard Lehete». E a nota final do impresor, François Morpain, bastante desesperada, advertindo dos «moitos gastos e desembolsos» que tivo que facer e pedindo ás autoridades que defendan os seus intereses comerciais fronte os abusos e competidores sen escrúpulos: o pirateo da época. «Visto o tal pedimento -remata o colofón- a Corte decreta as prohibicións solicitadas baixo pena de mil libras turonesas».