Reventa de entradas e bots

Javier Armesto Andrés
Javier Armesto CRÓNICAS DO GRAFENO

OPINIÓN

11 jul 2018 . Actualizado ás 11:12 h.

A chamada economía colaborativa puxo a disposición dos internautas numerosas ferramentas para facer negocio á marxe das canles tradicionais. Portais como eBay ou Wallapop funcionaron durante anos sen ningunha limitación no noso país ata que a finais do 2017 o insaciable Montoro anunciou que a compravenda de produtos de segunda man entre particulares acordada a través de plataformas dixitais está suxeita a tributación, do mesmo xeito que o resto de transaccións comerciais.

Outras aplicacións do consumo colaborativo, como Uber ou Airbnb -en realidade, autenticas multinacionais que llo levaban cru sen pagar nin un euro en impostos- tiveron que ceder á lóxica de que se gañas diñeiro coa venda dun produto ou servizo, tes que dar unha parte ás arcas públicas. Agora tocoulle a quenda á reventa de entradas.

A nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, que entrou en vigor esta semana, contempla a prohibición da reventa de entradas en papel ou en calquera medio ou soporte electrónico, se implica un beneficio económico. A medida puxo en pé de guerra a sitios de compravenda como StubHub, que considera que limita a liberdade dos usuarios.

«Se demoniza á reventa como a causante dos prezos altos das entradas, cando un 50 % das que se venden na nosa plataforma fano a un prezo inferior ao valor inicial ou face value», explica Ander Michelena, xeral xestor international de StubHub. Desde o seu punto de vista, a lei non ten en conta o dereito do consumidor a revender calquera ben que é da súa propiedade.

Si e non. Non é o mesmo vender un produto usado -por exemplo, un móbil que xa non utilizamos- que un billete que dá acceso a un espectáculo e que foi adquirido co único fin de lucrarse. Plataformas como a anterior deberían facer máis fincapé noutros aspectos como a ausencia na lei dunha prohibición expresa dos bots ou sistemas de compra de entradas masivas. Unha práctica totalmente inxusta para o fan e que si ten como obxectivo especular cos prezos.