Da toponimia oficial

José Ocampo Martínez

OPINIÓN

18 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Estes días estanse pronunciando numerosas persoas do ámbito político e cultural galego sobre a falta de respecto e tropelía que supón que a Real Academia Española diga que é correcto que en castelán se diga Sangenjo, Rianjo, Tuy ou Ourense, no canto de Sanxenxo, Rianxo, Tui ou Ourense. Alegan estas persoas, ademais, que iso vulnera a lei galega de topónimos, á que o señor Méndez Ferrín mesmo lle atribúe un ámbito de aplicación en toda España.

Ao meu modo de ver, o que mostran os que por isto protestan é un descoñecemento cultural e unha carencia absoluta de respecto cara a outros idiomas. Ningunha das persoas que por esta tradución mostra a súa indignación ten inconveniente en dicir, ou escribir nos libros de texto dos estudantes galegos, Badaxoz, Xixón, A Rioxa ou río Teixo, todos eles topónimos allende Galicia.

Por que sacra razón vostedes poden cambiar a toponimia de lugares españois non galegos e esixen que en español se use a toponimia galega? É que seica todas as linguas do mundo non traducen os topónimos doutras linguas á súa (Spain en inglés, Espagne ou Galice en francés, por exemplo)? Por que o español non pode facelo?

Por iso, é absolutamente correcto, é o correcto, se eu falo ou escribo en español, dicir Ourense, Tuy ou Sangenjo. E quen non queira aceptar isto, o que demostra é unha notable intransigencia.