Os pasos de Sánchez

Carlos G. Reigosa
Carlos G. Reigosa QUERIDO MUNDO

OPINIÓN

18 jun 2018 . Actualizado ás 07:46 h.

A estas alturas xa sabemos como ha ir pavimentando Pedro Sánchez o seu camiño cara á Moncloa. E hai que recoñecerlle tesón e habilidade para facelo sen chamar demasiado a atención. Acreditou o seu recoñecido anhelo e o seu indubidable talento para conciliar unha diversidade de apoios que, ao cabo, permitíronlle acadar o poder. Así, aínda que a súa representación no Congreso (84 deputados) estaba lonxe de poder constituír unha maioría confortable, soubo complementala oportunamente, para formar un Goberno monocolor, que está tendo unha acollida pública favorable.

Dicía o gran Muhammad Ali que «a pelexa se gaña ou se perde lonxe das testemuñas, tras as liñas, no ximnasio, na estrada, é dicir, lonxe de onde eu bailo baixo esas luces». E creo que no caso de Sánchez sucedeu algo así. Porque o seu éxito se fraguou na estrada, lonxe das luces, en encontros privados e aínda non se sabe ben con que compromisos adquiridos. O PP de Mariano Rajoy tiña moitos máis escanos, pero non puido coa maquinación doutros contra el e o desmarque do PNV.

Isto xa é Historia, certamente, e non cabe marear máis a perdiz. Sánchez viu cumprida a súa ambición de chegar á Moncloa, e Mariano Rajoy, presidente do Goberno desde o 2011, retirouse e deixou ao PP obrigado a buscarlle substituto. Por que precipitou Rajoy esta decisión? Talvez simplemente porque el se precipitou, xusto cando os seus lle pedían o contrario. O tempo dirá, pero está claro que se foi porque quixo e talvez quixo porque llo pediu o corpo ou porque albiscou dificultades no futuro. O caso é que se ha ir un parlamentario brillante e isto é sempre lamentable, porque, en efecto, a media ten un talento facilmente descritible.

O propio Sánchez non é moi explícito nin moi brillante, pero eu augúrolle unha melloría moi notable nos próximos meses. Porque no poder tamén se aprende e o protagonismo continuado estimula a acumulación de recursos e de habilidades dialécticas. O novo presidente do Goberno aceptará con gusto ese desafío de superación. Fixo demasiados quilómetros para non querer recrearse agora no uso da palabra.