Benvido o buenismo

Enrique Clemente Navarro
Enrique Clemente A MIRADA

OPINIÓN

El presidente del Gobierno: Pedro Sánchez
O presidente do Goberno: Pedro Sánchez Sergio Perez | Reuters

18 jun 2018 . Actualizado ás 07:46 h.

O novo Goberno de Pedro Sánchez non cumpriu nin dúas semanas e xa tomou decisións importantes como a acollida dos migrantes do Aquarius, a recuperación da sanidade universal ou a dimisión de Màxim Huerta . Para os seus críticos, que o foron antes mesmo de que tomase posesión e que non aceptan que se poida chegar ao poder a través dun mecanismo constitucional como é a moción de censura, trátase só de xestos cosméticos e intranscendentes, expresión do que chaman despectivamente buenismo. Que sería entón o oposto ao buenismo? O malismo? Rafael Hernando? Deixar que se morran no mar quen foxen do horror e a miseria? Din que esta decisión activou o efecto chamada coma se a chegada masiva de pateras nesta época do ano fose algo novo. O que activou é a chamada á conciencia, deixou en evidencia ao novo Goberno ultra de Italia e á UE pola súa ineficacia. A dimisión de Huerta é outro xesto, pero destacable porque contrasta coa resistencia numantina de dirixentes do PP que se aferraron aos seus cargos como a cotra ou que, mesmo, en circunstancias similares seguen nos seus postos. Tamén é un xesto proporcionar cobertura sanitaria aos sen papeis, un xesto de xustiza e humanidade. A min gústanme estes xestos e prefiro o buenismo ao malismo, a España bonita da solidariedade á España fea do egoísmo. Outra cousa será ver como o Goberno se manexa con só 84 deputados e uns Orzamentos que non son os seus. Se quedará nos xestos, por positivos que sexan, ou poderá lexislar. Cataluña e a economía serán asuntos craves para avaliar a súa xestión. Pero non hai que esquecer que a política ten un compoñente importante de xestos e símbolos.