¡Ojito cos chineses!

María Cedrón ¡CORRE FORREST, CORRE !

OPINIÓN

11 jul 2018 . Actualizado ás 11:12 h.

Un aeroporto, Hong Kong. Umbral da década do 2000, en pleno apoxeo da deslocalización produtiva cara a Asia oriental. O gran temor das empresas que deran o salto a esa parte do mundo para aforrar custos era que as súas patentes fosen copiadas para daquela ser comercializadas, con pequenos cambios, a custos moito máis baixos. Ese risco era o tema de conversación entre varios empresarios que agardaban o seu voo. No medio daquela pequena paranoia colectiva, o máis veterano chamou á calma. Instou a non preocuparse por unha cousa tan nimia porque o verdadeiro poder chinés aínda estaba por chegar.

Non puido estar máis acertado no seu diagnóstico. Mentres os consumidores dixitais de medio mundo están agora preocupados polo poder de Google, Facebook ou Amazon, no afastado oriente está a se desenvolver unha xesta que, a medio prazo, podería provocar grandes cambios no terreo da industria tecnolóxica. É a pugna que mantén Tencent Holdings con Alibaba Group para facerse co control de 770 millóns de usuarios de Internet. Ambos levan anos expandíndose máis aló dos negocios cos que naceron. Agora dominan o sector do intercambio de diñeiro dixital por móbil. Por iso é polo que, como advirte The New York Times, poderían converterse nos gardiáns da economía. En Europa ou Estados Unidos o escenario normativo é moi diferente. Entón a pregunta é: podería perder o cetro Zuckerberg?