Bos Aires ten unha gaita

Bieito Romero
Bieito Romero O Son DO AR

OPINIÓN

22 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Bos Aires ten unha gaita sobre do río da Prata, que a toca o vento do norte, coa súa gris boca mollada». Así comezaba Federico García Lorca o seu poema Cantiga do neno da tenda, un dos seis poemas que escribiu no noso idioma dedicado aos galegos que vivían na capital arxentina. Lorca coñeceu Bos Aires e aos galegos a través do noso Eduardo Blanco Amor, e é que a cidade porteña foi testemuña, en diferentes momentos da historia, do gran drama da emigración galega. Tamén se lle chama a quinta provincia pola cantidade de galegos de distintas xeracións que viven alí. Pasear polas rúas de Bos Aires é atoparse permanentemente con referencias a Galicia, nos nomes dos establecementos, nos das propias rúas, en monumentos, epitafios nos diferentes camposantos etc. Fálase de máis dun millón de almas que foron chegando en diferentes tempos e por distintos motivos, e, con esa cantidade de xente, como non iamos influír na historia desta cidade? Contan as crónicas daquel chamado Terzo de cidadáns voluntarios de Galicia, ou Terzo de Galegos, comandados por Pedro Antonio Cerviño, orixinario de Campo Lameiro, e polo seu segundo, Xosé Fernández Castro, orixinario de Ferrol, que a comezos do século XIX axudou a liberar a cidade da fustrigada británica e que a súa importancia foi decisiva na liberación final. Está escrito que despois de vencer ao Rexemento 71 de Highlanders o cabido da cidade agasallou ao Terzo de Galegos cunha gaita escocesa tomada coma botín ao devandito rexemento británico, sendo dende entón o único corpo militar autorizado a empregar este instrumento. Tamén gañamos outra gran batalla identitaria pacífica, que foi a de que todos os españois, sexan da parte do Estado que sexan, son chamados gallegos.