O dereito a defenderse

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

17 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os 17 mortos nunha escola de Florida polos disparos efectuados por un exalumno cun rifle de asalto poñen de novo sobre o tapete a controvertida polémica entre a prohibición de armas e o dereito para defenderse dos cidadáns.

Parece irracional e inadmisible que nos Estados Unidos calquera poida comprar non só unha pistola, senón unha arma de guerra, pero os norteamericanos levan no seu ADN o dereito á defensa de si mesmos, dos seus e da casa na que viven. Hai toda unha épica da defensa persoal que se forxa dende os tempos da conquista do far west, que John Ford levou ao cine.

A outra cara da moeda témola en España, onde un tipo asalta unha casa, o propietario da vivenda sóltalle un tiro e o asaltante pode denunciar por lesións ao propietario. É dicir, que o ladrón (ou o que sexa) convértese en vítima e o asaltado resulta ser o agresor de quen o ataca. E poida que o propietario asaltado teña que indemnizar o asaltador.

O legal sería darlle o alto e chamar á policía, e, se o ladrón ou o que sexa foxe, non dispararlle, porque, se lle acertas, complícaseche a vida. Unha rapaza que vive nun barrio considerado perigoso díxome: «Ou sexa, que tería que esperar a que me viole para soltarlle un tiro, non?» E co puño pechado flexionou o seu brazo nun xesto que, sen dúbida, coñecen.

En fin, coma en tantas cousas, quizais, como dicían os clásicos, in medium virtus est. No xusto medio está a virtude.