Os personaxes do ano

Juan José Moralejo Álvarez

OPINIÓN

07 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

É inveterada e loable usanza rematar o ano facendo inventario dos entes e das entes que se distinguiron ao longo e ao ancho del; a prensa chismorreica e murmuradora xa publicou as súas listas, que non tiven o desgusto de consultar e nas que supoño que estarán, por exemplo, aquela inefable moza que aproveitou a TV para pedir teléfono a golpe de ubre, e todos os inefables, imponderables, inmarcesibles e inevitables monstros sacros de sempre. E o de sagrados... é un dicir. Bo, o de monstros... tamén. Aí vai a miña lista; de personaxes imaxinarios. pero non irreais;

Perico I, gobernante: dálle ao gobernalle polo san procedemento de facer lembrar que calquera tempo pasado foi peor; namentres, dá unha de area e outra de area, e agarda que a de cal lle caia do ceo. Parece ignorar que é doado pasar dun goberno da maioría a unha maioría sen goberno.

Perico II, gobernado: opina que calquera tempo pasado foi mellor; delira que Perico I é de esquerdas ou, cando menos, izquierdoso. Di que, se hai que pagar impostos, que o borren da lista.

Perico III e Perico IV, deputados: perden o tempo e gastan as dietas que saen dos meus impostos en dicirse que teñen as costas moi anchas -¡Fíxese, fíxese, a súa señoría, que costas tan anchas teño! ¡Vexa, palpe, que hombreras, que sisa, que canesú!- en esixirse expedientes de limpeza -¡Bote a súa señoría a patita por baixo da porta!, Onde estaba a súa señoría a noite en que mataron a Prim?, Que me di da morte do Mar Morto?- e, en suma, en perder o tempo.

Perico V, ministro: cando vai pronunciar un discurso ou conceder unha entrevista, os subordinados pregúntanlle: A que hora sementará a confusión o señor ministro?

Perico VI : dirixe un partido «de masas» que conta con cen membros e reúne duascentas cincuentas presentas - toma masas!- en manifestación. Ao longo do ano ha rexeitado mesmo que o Douro pase por Zamora e ha esixido xa que o Ebro desemboque en Alacante. Acusa de irrealismo aos seus discrepantes.

Perico. VII: el soíño ha embadurnado non menos de cen metros cadrados de parede allea Cultiva a poesía social e de masas; por exemplo: «O pobo que avanza encherase o bandullo».

Perico VIII: maniqueo especializado en pedir explicacións e comisións sobre os sucesos de Málaga e Tenerife. E nada máis.

Perico IX: maniqueo especializado en pedir explicacións e comisións sobre os sucesos de Pamplona e Irún. E nada máis.

Perico X, «universitario»: deixouse caer por Santiago cara ao quince de outubro e desapareceu o seis de decembro. Non se perdeu mesa redonda, desaloxo, peche, folga nin asemblea algunha. Tiña un parcial ás nove, pero non madruga nin cre que estean postas as rúas a esas horas. Observou relixiosamente as pontes.

Perico XI, «tecnoprogre»: iso de pagar expropiacións, respectar servidumes, que os paisanos non teñan dereitos, parécelle unha broma pesada de Moscova. Opina que autoestrada, si, e pasando por onde sexa e como sexa, e a tiros, se fai falta.

Perico XII, «progre-pobre»: a autoestrada é miseria e morte. Unha trampa para facernos unha central nuclear na cociña de casa.

Perico XIII: unha boa mañá descubriu que sabía e quería falar galego á perfección. Fóra libros e fóra prácticas; agora vai vento en popa: xa ten gabardiña, sabe mediciña, protesta contra os asesiños e dobra as esquiñas. E fala non só con oracións coordiñadas senón tamén con subordiñadas..

Bo, os paisanos non lle entenden moi ben, pero xa se sabe que son lentos de entendederas e nin sequera saben que teléfono é unha palabra estranxeira e imperialista, e que o galego auténtico é escoitofono.

Perico XIV: non hai pacto que lle sirva, nin eleccións que lle satisfagan, nin acordo que lle convenza, nin iniciativa que lle agrade. Cando el mande -que non mandará, Deus mediante- non hai pacto, nin acordo, nin eleccións nin gaitas. Mentres non manda, é cabeza e vangarda das clases democráticas e mesas certeiro e indiscutible do que necesita o noventa e nove por cento do censo electoral que non opina como el. Bo, el non opina: sentenza,

Perico XV: igual en todo a Perico XIV, excepto en que non é cabeza e vangarda das clases democráticas, senón encarnación nobre e viril do máis acendrado, caballeroso e caballeresco patriotismo dos homes de ben que bla, bla, bla.

Iso si, igual de mesías que Perico XIV.