Os cen mil que non crecen

Alfredo Vara
Alfredo Vara A PONTE

OPINIÓN

13 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os bancos de alimentos axudarán a 100.000 galegos a pasar este Nadal, titulaba La Voz unha información sobre os resultados da gran operación de recollida levada a cabo a fin de semana anterior. A solidariedade de máis de dous mil voluntarios logrará así que sexa un pouco menos dolorosa a marxinación dos que vai deixando atrás a pregoada recuperación.

O crecemento do que tanto presumen os que nos gobernan segue presentando alarmantes fendas, como o do paro de longa duración, a falta de oportunidades en condicións dignas para os mozos ou o gasto social. Segundo contaba tamén este diario caeu sete décimas en España no 2015 -a pesar da subida da factura das pensións-, mentres na UE subía un 0,3.

Son os pequenos detalles que non se mencionan cando se saca peito sobre o crecemento. Un crecemento que, aínda que se insista en que continuará, pouco futuro pode ter se segue desprezando o coñecemento ata o punto de ter recortado drasticamente o investimento en I+D coa consecuente redución do número de investigadores, tradicionalmente escaso e mal dotado en España. E así nos vai.

Hai quen relaciona todo isto co feito de que sigamos sendo un dos países con menor presión fiscal, seis puntos inferior á media europea. E, sobre todo, coa distribución desa presión, que grava os ingresos dos traballadores por conta allea e é indulgente coas grandes corporacións. Somos campións do crecemento, di o Goberno. E da desigualdade, insisten as estatísticas.

Cen mil galegos comerán en Nadal grazas aos bancos de alimentos. Son os que non queren decatarse de que a economía vai como un tiro.