Parábola para párvulos

Fernando Salgado
Fernando Salgado A QUILLA

OPINIÓN

07 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Érase unha vez un país con só dous habitantes, o catalán e o galego, que decidiron gastar en copas toda a súa renda. O catalán dispuña de 150 euros e o galego de 100. Beberon toda a pasta, pero, precavidos eles, acordaron establecer unha recarga do 20 % sobre cada cubalibre engulido para abonar as curas da resaca do día despois. Recadaron, pois, 50 euros en concepto de IVE: 20 achegounos o galego e 30 o catalán.

Ao día seguinte comezaron as queixas do catalán: pagara en impostos un 50 % máis que o galego, esquecendo que tamén bebera 1,5 veces máis que o seu colega. Dispuña do 60 % da renda total e achegaba o 60 % dos ingresos tributarios (léase 19 no canto de 60 e saltamos da parábola á pura realidade). Pero tampouco o galego mostrábase eufórico, porque consideraba inxusto o sistema tributario establecido: a copa do pobre soportaba unha recarga idéntica á do rico. Amparándose na máxima de «que pague máis o que máis ten», propuxo cambiar o IVE por un imposto progresivo como o IRPF, con dúas tarifas: do 20% para unha renda de 100 euros e do 30 % para unha renda de 150 euros. O galego pagaría entón 20 euros, o catalán 45 e a recadación pasaría a 65 euros.

(Oriol Junqueras e os seus economistas de referencia mantiñan, antes de que o nacionalismo se botase ao monte, que Cataluña debía pagar ao Estado como máximo o que representa o seu PIB: case a quinta parte da economía española. É dicir, o catalán da parábola debía pagar menos que o galego por cada copa que tomase ou, como máximo, exactamente o mesmo).

Concluída a festa, os dous colegas encerelláronse na discusión sobre a repartición do diñeiro recadado que, como sabemos, destinábase a rescatar a saúde do exceso alcohólico. Sostiña o catalán que a el lle correspondía máis da metade, porque contribuíra con máis diñeiro ao fondo común. Replicaba o galego que a partes iguais, porque ambos tiñan dereito ao mesmo galeno e a similar asistencia, mesmo algo máis custosa no seu caso pola súa avanzada idade e outras idiosincrasias galaicas.

(Un sistema equitativo de financiamento autonómico debe igualar a prestación de servizos básicos que prestan as comunidades. Os servizos mínimos fundamentais son indivisibles en cada comunidade: nin o neno rico ocupa pupitre e medio no colexio nin o paciente pobre cabe en media cama do hospital público. A mesma lei debería rexer no seo do Estado, entre outras razóns para evitar que haxa españois de primeira e españois de segunda).

A farra do catalán e o galego acabou como o rosario da aurora. O catalán botou contas e indignouse: había pago cinco euros máis dos que recibiu. O galego tamén anda irritado: vítima dun sistema insolidario e, por amais , acusado de roubarlle ao colega. Para maior inri, o árbitro designado para concilialos inclínase por tranquilizar ao catalán a base de talonario. E nin sequera falamos do aspecto máis espiñento do asunto: a redistribución da renda. Iso que chaman solidariedade.