Confusión nos independentistas

.

Analista electoral

Segundo os cálculos do CIS, Esquerra Republicana (ERC), Junts Per Catalunya e as CUP sumaban 67 escanos a tres semanas das eleccións, un menos dos necesarios para alcanzar a maioría absoluta e cinco menos dos que conseguiron Junts pel Si e as CUP no ano 2015 (72). Con independencia desta estimación, que como a xeneralidade das enquisas que se están publicando queda na raia, o estudo preelectoral do CIS achega información valiosa respecto dos movementos que se están producindo entre os distintos electorados de cada fronte, sexan os partidos de identidade nacional catalá ou os do ámbito estatal.

O primeiro dos datos importantes refírese á transferencia do 45,8 % dos votantes do Partido Popular nos comicios do 2015 cara a Cidadáns, cuxa fidelidade de voto quedaría reducida a tres de cada dez dos seus votantes do 2015. O que significa que Cidadáns destruíu ao PP en Cataluña posto que os populares non fan ingresos significativos doutras formacións políticas, representando agora ao redor do 7 % dos votos válidos segundo todas as estimacións.

O segundo aspecto relevante é que os movementos entre Cidadáns e o PSC, compénsanse. Segundo os nosos cálculos coas táboas do CIS, en Cidadáns ingresan 71.000 electores de orixe socialista, mentres que os do puño e a rosa fanse con 86.000 votantes que se decantaron pola formación laranxa no 2015, o que interpretamos como estrutural, é dicir, os primeiros son electores do PSC que xamais votarían ao PP pero si a Cidadáns para castigar aos independentistas, probablemente máis maiores, mentres que os segundos son electores típicos do PSC que se enrolaron en Cidadáns no 2015 e regresan ao seu partido contrariados co perfil autoritario actual dos de Rivera e Arrimadas; probablemente, máis novos. Outros movementos entre os partidos do ámbito estatal tamén se compensan, como os socialistas do 2015 que se enrolan en Catalunya en Comú e viceversa.

O terceiro que trae o CIS é confusión no bloque dos partidos de identidade nacional catalá, porque as súas táboas de resultados dinnos que a candidatura de Carles Puigdemont conseguiría catro de cada dez dos electores de Junts pel Si do 2015, que veñen ser uns 640.000 votantes, mentres que ERC se faría con catro e medio (720.000) e as CUP con medio (75.000), dispersándose ou desmovilizándose o que falta para sumar dez. Introduce confusión o CIS porque tal proporción de votos de Junts per Catalunya prodúcese á conta da posición de ERC, que descende ata o punto de quedar por detrás de Cidadáns en número de votos, segundo a súa estimación. Puidese ser que así fose e cabería pensar na desvantaxe de Marta Rovira fronte a Puigdemont, pero así non é. Estudos previos e posteriores dinnos que ERC se desenvolve no limiar do millón de votos, que son cen mil máis que Cidadáns, mentres que a lista de Puigdemont aspira aos setecentos mil, algo por diante do PSC e distanciados de CEC, que nunca tivo campaña, CUP cuxo tamaño é ese, e o PP, que xa non é o que foi. Farase longa esta campaña.

Votacin
23 votos
Comentarios

Confusión nos independentistas