Outra vez máis

Tamara Montero
Tamara Montero CATRO VERDADES

OPINIÓN

20 novs 2017 . Actualizado ás 07:27 h.

Oxalá non tivese que facelo outra vez. Oxalá non tivese que falar disto de novo. Oxalá non houbese necesidade de pólo por escrito. Oxalá. Pero pasou. Outra vez. Así que alá imos. Outra vez máis. É sinxelo. Non fai falta nin apuntalo. Non é non. Xa está. Outra vez máis. Oxalá esta vez teña quedado claro. Pero imos. Imos outra vez máis. Para os atrasados. Para que non haxa polas rúas nin un só cartel máis co logo dun ministerio dicindo que á túa filla hana violado porque as mozas beben e logo claro. Vouno repetir, porque me parece que aínda non quedou meridianamente claro. Non é non. Escríboo de novo para que non haxa que volver ver telexornal tras telexornal como a unha nova a xulga un país enteiro polo mero feito de que denunciou que a violaron. Oxalá nunca máis. Oxalá deixar de dicir isto aporreando o teclado. Pero alá imos. Unha vez máis. Outra vez máis. Non é non. E para entendelo non fan falta informes de detectives privados. Non é non. Aínda que nas redes sociais colguemos que nos habemos ir á praia, a foto dese prato tan rico que nos comemos no restaurante e que nai miña, que esta materia é difícil que se cadra non a saco. Unha máis. Para os que se cadra aínda non o memorizaron. Non é que non. Punto. A ver se dunha vez aprendémosnolo/aprendémonolo. A ver se é a última que o repito. Non é non. Está claro?