Reinventar Galicia

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Díxoo onte, mentres tiñamos o corazón encolleito polas catro vítimas mortais e polo lume que aínda nos arrasaba, o fiscal de medio ambiente, García Ortiz. Hai que reinventar Galicia, en materia de incendios forestais. Resetear e volver empezar. Hai que aproveitar os ensinos que obtivemos das distintas situacións vividas e comezar de novo. Hai que deixarse de lamentacións, de rendibilidades electorais, de armas arreboladizas e de grandes discursos e reinventarnos.

Porque estamos como fai trinta anos. Ou máis. Sorprendéndonos pola catástrofe, falando de intencionalidades, de terroristas e de solidariedade. Estamos a escoitar o mesmo que escoitamos en cada ocasión na que o lume nos esnaquiza parte do noso patrimonio natural. Estamos tan desnortados e tan carentes de ideas que utilizamos mesmo os mesmos tópicos. Uns descerebrados, o vento, a calor e a baixa humidade, que, con ser certos, non son só a causa da traxedia.

E, con todo, sabemos que ou cambiamos radicalmente as nosas formulacións ou volveremos ás andadas. É inútil falar de perseguir aos pirómanos. Tres datos. Só catro de cada mil pirómanos forestais son condenados en España. Só 8 dos 325 condenados por provocar incendios han ir a prisión. E a pena máis alta en España a un pirómano foi de nove anos que non cumpriu.

Así que imos a resetearnos e deixarnos de discursos bonitos. Imos falar de política forestal, se é que a queremos ter; de limpeza dos montes, de recualificacións, do despoboamento rural, de redución dos persoais de brigadistas, de plantacións de especies autóctonas, do peso da xustiza sobre os culpables e, sobre todo, dos recursos que dedicamos a previr e a defender os nosos montes. Imos falar tamén do cambio climático porque o 2016 foi o terceiro ano consecutivo máis quente no rexistro histórico. E imos saber se existen tramas terroristas e, se é así, imos combatelas con feitos e non con frases bonitas.

Mentres non reinventemos Galicia, en canto a incendios forestais, imos estar instalados no queixume, no caos, no pánico e na impotencia. Porque somos incapaces de saírnos do labirinto.