O peor do home. O mellor de Galicia

Laureano López
Laureano López CAMPO DE BATALLA

OPINIÓN

M.MORALEJO

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Habería que ter outro artigo 155 para aplicar aos indesexables que fan que Galicia sexa pasto das chamas, para estes asasinos conscientes ou inconscientes. Tamén para os políticos mediocres que só se acordan do monte cando arde . Podía evitarse? Talvez a conxunción perfecta de incendiarios + seca + vento + menos medios dos necesarios? -pero cantos se escatimaron en California, 40 mortos, ou en Portugal, 38?- fixo inevitable o evitable. E ninguén pode dicir que non estabamos avisados: lévannos avisando xeracións enteiras, e para os máis novos ou os olvidadizos temos o exemplo do 2006 ou o de Pedrógãou. Por que nos están queimando vivos? Non hai sen dúbida, unha resposta sinxela, iso recoñéceo ata o fiscal de medio ambiente. O cambio climático?, unha chamada de auxilio dun monte deixado a monte? Sobre todas as cousas, a man homicida do home. Das cinzas emerxe outra lección do auténtico PIB desta terra: co peor do ser humano, o único animal que fai dano polo pracer de facelo, sae o mellor de Galicia. Faino en metade do lume, da fame ou do naufraxio. Cando noutros lugares se levantan bandeiras coas que se quere incendiar todo un país, aquí a xente empapada en lume e fume enarborou a bandeira da solidariedade. E, na traxedia, é para estar orgullosos.