Lección das primarias do PSdeG

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Un ano despois das eleccións galegas, a oposición a Feijoo parece empezar a dar algún paso que permita pensar na súa vitoria nos próximos comicios. Os resultados das primarias socialistas traen tres conclusións interesantes neste sentido. A primeira, que unha das organizacións políticas do país xa foi capaz de artellar un polo de cooperación interno nesa dirección. A segunda, que un partido imprescindible para construír un goberno diferente vai saír por fin da inestabilidade e o enfrontamento interno despois dun longo período de caos. A terceira, que unha nova xeración faise cargo do partido precisamente cooperando e marcado un método diferente por infrecuente.

O triunfo do PP en Galicia baséase nun apoio suficiente pero sempre moi difícil de manter porque ten que ser absoluto. Agás na época de Fraga na década dos noventa, o seu dominio electoral sempre foi mínimo en votos pero esmagador, como é propio dun partido único en todo o seu abano ideolóxico e sen competidor ningún, até o momento. Unha anomalía que Galicia comparte con grande parte do Estado, consistente en que en todo o espectro político de centro e dereita non existe máis que unha oferta electoral posible. Esa ausencia de pluralismo interno e a falta de opcións alternativas é unha das grandes, senón a principal, baza electoral da dereita en Galicia.

Sendo o poder aquí cousa só de un partido, o acordo e a cooperación non é necesario e mesmo está estigmatizado cando se trata de gobernar. Os acordos de coalición son case tratados como unha revolución. Non por acaso. Esta dinámica da dereita que tan longamente mantén o poder en Galicia afecta tamén aos grupos da oposición con máis tradición (Bloque e PSdeG) nos que as lóxicas de pacto, acordo e cooperación interna son máis ben escasas. Por iso resulta unha infrecuente novidade que Caballero e Leiceaga foran quen de acordar para definir un proxecto de estabilización do partido. Se son quen de constituír a súa experiencia de cooperación nun polo de atracción e un modelo para a oposición, terán dado un paso feliz para construír unha alternativa de goberno crible.

O socialista é un partido imprescindible para artellar a oposición e facer pensar nun goberno alternativo en Galicia. De feito foron socialistas (con vicepresidentes nacionalistas) quen presidiron os dous únicos gobernos que en Galicia houbo diferentes a AP-PP. A terceira característica do acordo Leiceaga-Caballero é que os nados despois de 1960 fanse cargo do futuro do partido.

Se o acordo fraguado entre os socialistas sae mal, o fracaso será de toda a oposición, porque entre o electorado galego nunca funcionaron os vasos comunicantes na esquerda e o nacionalismo. Cada ámbito partidario perde sempre moito máis a prol da abstención do que transfire aos demais, e se cada organización non é quen de fidelizar aos seus propios, a dereita única gaña sempre. Ben sei que isto non serve para explicar A Marea, sen dúbida, pero moi posiblemente servirá para volver explicar o comportamento electoral dos tres grandes bloques da oposición nas seguintes eleccións.