O lume que asediou Vigo

Yashmina Shawki
Yashmina Shawki CUARTO CRECENTE

OPINIÓN

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A mañá amenceu sufocante. O ceo estaba gris, pero achaqueino á proximidade das rabexadas de Ophelia . Craso erro. Ao avanzar co coche pola ponte de Rande e, sobre todo, ao percorrer a estrada que bordea a beira norte da ría de Vigo, era evidente que non se trataba de néboa matutina, senón dun fume denso proveniente de varios lumes simultáneos. Unha paisaxe apocalíptica: fume en Redondela, en Valladares, en Nigrán...

Pola tarde o cheiro xa era insoportable e o fume asediaba á cidade. O sol era unha esfera avermellada intentado abrirse paso polo denso fume que cubría a ría. Chegada a noite, as noticias aumentaban a inquietude. Os accesos desde Ourense e Portugal cortados, a Universidade ameazada, o CEIP de Valladares asediado polo lume. Ao intre, a avenida de Europa e o barrio de Navia en perigo, despois a rúa da Florida. Unha amiga indignada clamaba contra o lume que obrigara a desaloxar o Centro San Rafael, onde o seu fillo con parálise cerebral está ingresado.

Durante todas esas horas de inquietude, a rabia e a impotencia acompañáronme ata que chegou a unha da madrugada. Alguén prendeu lume a uns poucos metros da miña casa, en pleno centro da cidade. Confeso que, por uns instantes, pasei medo, non un medo paralizante, pero si un medo de desconcerto, de descoñecemento, de angustia. Pero só foi un susto. Os veciños de todos os edificios saíron á rúa para apagalo. Non podo describir con palabras o orgullo que sinto polos meus veciños e por todos os vigueses que decidiron axudar con cubos, mangueiras e o que fixese falta, con moita máis vontade que experiencia. Esta cidade, na que, ás veces, parece que todos estamos contra todos, sabe sacar o mellor de cada persoa cando é necesario. O mesmo que sucede no resto de Galicia. Porque os galegos somos así. Moi nosos, moi do noso terruño, moi de defender nosas catro paredes, pero cando algo nos ameaza a todos como pobo, arrimamos o ombro como ninguén. E con iso quedo, coa nosa solidariedade e co desexo de que os culpables sexan detidos. Os culpables, que xa non son só pirómanos, senón homicidas.