Elixiría esa morte?

Sofía Vázquez
Sofía Vázquez ESTADO BETA

OPINIÓN

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Chamábanse Maximina, Anxelina, Marcelino e Alberto. Tres deles atoparon a morte entre as chamas. Nalgún momento dos últimos instantes da súa vida, tiveron que intentar protexerse. Por instinto. Pero a inhalación do fume con partículas en suspensión fixo que os seus pulmóns non oxigenaran e perdesen a consciencia. Debeu de ser así. Non caeron a ningunha fogueira, polo que non morreron a consecuencia de queimaduras. Pero puido ter ocorrido. Din que as feridas profundas provocadas polo lume deixan a área anestesiada e manteñen que, nestes casos, a deshidratación adoita ser a sentenza de morte. Non foi leste o caso.

O cuarto falecido intentou salvar a súa casa e a dunha veciña. Caeu nun terraplén e morreu na ambulancia.

Descoñécese o nome das persoas que causaron a morte de Maximina, Anxelina, Marcelino e Alberto, pero son terroristas incendiarios. Para eles non pode haber clemencia. Cometeron actos criminais contra as persoas e o medio ambiente. Un xuíz terá a última palabra e pódelles impor penas de ata 20 anos de cárcere. Que non sexa nin un menos, se esa é a sentenza.

Á marxe de quen fose o que prendeu a chama, Galicia ten dous asuntos importantes sen resolver. Un é o demográfico, e o outro o ambiental. Os bosques deben estar limpos sobre todo cando chega un outono seco despois dun verán sen choivas. Unha simple faísca nunha noite ventosa de outubro é capaz de arrasar con centos de hectáreas. E sábeno porque non é ningún segredo.