O tamaño de Alá

Eduardo Riestra
Eduardo Riestra TERRA DE NINGUÉN

OPINIÓN

20 ago 2017 . Actualizado ás 10:40 h.

Bo, recoñecerán vostedes que o terrorismo está ben barato. Hai que ter o que todos temos e pomos no currículo: carné B1. Xa nada de preparación paramilitar, nin amonal, nin armas. Un rapaz alúgase unha furgoneta e ¡ala, a matar! El é un, ou cinco, ou doce e nós dez mil, catro millóns, todo o país, e plantamos cara coma se houbese inimigo, pero non o hai. É só a constatación da fraxilidade da vida nesta aldea mundial. Hainos que matan os seus compañeiros de colexio porque se senten humillados e outras pola independencia de Euskadi, que é o mesmo que matar para que a Real Sociedade gañe a liga. Tamén os da supremacía branca ou os de mateina por que era miña. Eu non creo que isto teña que ver co tamaño de Alá que con tanta vehemencia proclaman os asasinos. O islam é unha relixión con máis de mil millóns de crentes no mundo, que cumpren os seus ritos, como cumpren os xudeus, os cristiáns e os hindús os seus. Outra cousa son os dereitos civís, a liberdade e a igualdade, ás que as relixións son pouco afeccionadas, como ben saben as monxas. Pero eu creo que na civilización e o progreso non hai atajos. Que o capitalismo ten que ir acompañado da repartición da riqueza, de educación, de cultura e liberdade. De democracia, que é tanto o goberno da maioría como o respecto á minoría; e que un mundo desenvolvido será aquel en que menor sexa a diferenza entre ricos e pobres. Iso é o difícil. O doado é pórse lazos, acender veas e facer minutos de silencio. Claro que temos que cortar isto dos terroristas islámicos, pero sen esquecer que hai que combatelos por terroristas, sen adxectivos.