O punto da «Voyager»

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

HANDOUT | afp

20 ago 2017 . Actualizado ás 10:33 h.

Hoxe cúmprense 40 anos do lanzamento da sonda espacial Voyager 2. 16 días despois lanzouse a súa sonda xemelga, a Voyager 1, que no 2012 cruzou unha das fronteiras do sistema solar e afástase del a uns 60.000 km/h. É a obra humana que chegou máis lonxe: á luz do Sol lévalle 20 horas acadalo. En 1990, no día de San Valentín, a Voyager 1 sacou unha foto ao que deixaba atrás. A operación non foi sinxela, xa que o seu cámara estaba pensada para fotografar o que tiña diante; así que houbo que virar a nave, con risco de perder o control sobre ela. Carl Sagan necesitou algúns anos para convencer a NASA de que valía a pena correr o risco. E vaia se a valeu. O resultado foi unha imaxe, algo defectuosa, na que aparecía un punto azul pálido case imperceptible: era a Terra, vista a 6.000 millóns de quilómetros de distancia, ridícula no medio da inmensidade. Tal e como dixo o propio Sagan, ese punto é o fogar de todas as persoas que existiron e existen, entre elas as que mataron para facerse cunha fracción del. Creo que quen o fan non son conscientes de estalo destruíndo, porque pensan que a Terra é un lugar infinito e inacabable, no canto dunha mota de po no espazo.

Esa foto é unha metáfora do avance científico, un avance que nos debe levar a comprender que todos vivimos nese punto azul pálido. Quero pensar que, a medida que a humanidade teña isto claro, deixaremos de sufrir traxedias como a de Barcelona.