Farrapos de lingua

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

18 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non, non teñen vagar -iles din tempo en todos os casos-, porque para entrar na freba do idioma cómpre, alén de habelencia e estudo, ir a modo, de vagariño, único xeito de lle dar traza ás intimidades da lingua. Sabido é que a boa ou mala saúde dunha lingua determínana os informes sociolingüísticos elaborados a base de procesos de datos, enquisas, ratios e todo tipo de fontes obxectivas. Pero o que é a palabra, téñena os falantes coas súas actitudes, condicionadas, as máis delas, en continua transformación. Os protagonistas principalísimos do fenómeno lingüístico galego son as mulleres e os homes que, con maior ou menor compromiso e concienciación respecto ó seu emprego, en circunstancias moi distintas e, como que si, condicionados, dunha ou doutra maneira, polo medio, a realidade socio-económico-político-cultural na que se desenvolven. Pero vaiamos ó grau cun caso concreto. A finais dos 50 e comezos dos 60, na cidade na que eu nacín, Buenos Aires, vivían tantos galegos como en Vigo e moitos máis ca na Coruña. Só o Centro Galego tiña, daquela, cento dez mil asociados. Escadasí, a nosa lingua propia a da Galicia de dentro e de fóra, carecía do atractivo e das posibilidades actuais. Nas instituciós da colectividade a aprendizaxe do galego a penas se fomentaba. Contados eran os fogares emigrantes que, cando país e abós eran galegos, falaban a súa lingua na casa. A ansia maioritaria era acreoularse, empezando polo idioma e continuando polo consumo de herba mate. Os que chapurreaban un porteño inzado de xiros populares e mesturado de lunfardo tiñan máis posibilidades de seren aceptados. Os de segunda xeración, fillos dos emigrantes, mesmo os que naceran en Galicia e chegaran de nenos, raramente se expresaban en galego máis alá da anécdota. Na actualidade, a actitude cara á lingua da «patria anterior», como lle chamaba a Galicia o poeta arxentino-galego José González Carbalho, mudou: no Instituto Santiago Apóstol escolarízase en galego. Mentres a modalidade ou variante do galego-porteño medra, agarimada polos de alá, nun país no que o catorce por cento da poboación (43,85 millós) é de orixe galega, iles, os de acá, os que confunden tempo e vagar, van e veñen.