Son marca España

Miguel Anxo Fernández TRIBUNA

OPINIÓN

18 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Asumindo que nesta preselección adoitan gañar os que mellor se moven -a modesta Avalon, a influente Atresmedia e a poderosa Cerdeira, as produtoras asociadas escollidas-, os aspirantes á fase previa para a selección final ao Óscar, non pasarán a criba final porque a nosa colleita 2017 non se axusta aos parámetros de acceso a Hollywood. Pero son notables ao seu xeito, aínda que por distintas razóns. Celebremos que dous dos seus autores son debutantes e non están na elite local, e lamentemos que as súas cifras en despacho de billetes non sexan como para botar de alegría en canto a recollida de beneficios. Tampouco a crítica guindou rosas ao seu paso, fóra de Verán 1993, a mellor axustada baixo a óptica autoral. Carla Simón, recentemente entrada nos 30, formada en Los Ángeles e Londres, tira de dramática memoria persoal para recrear sobre guion propio, aquel verán coa morte da súa nai moi recente a causa da sida. Baixo orzamento, rodaxe en catalán e premios en festivais á espera de golpear nos próximos Goya. O tamén publicista Pablo Berger, fogueado en Nova York, non é un descoñecido pero si de traxectoria curta, aínda que interesante. No 2012 varreu nos Goya co seu segundo filme, Blancanieves, e agora recupera a Maribel Verdú para Abracadabra, comedia negra, costumista e algo disparatada. Para o final, Salvador Calvo, moi fogueado en ficción televisiva desde hai máis dunha década, que debuta en pantalla grande con 1898: os últimos de Filipinas, produto tan correcto como antigo, a pesar da súa eficacia como espectáculo. Agora mesmo, son marca España en canto cine.