A furgoneta e o lixo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

18 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O asunto prioritario de Cataluña, e o de todos os españois, é vivir en paz e prosperidade. Estes días atrás a prioridade parecía outra. Falaban tanto da independencia que uno ata llo cría. Pero resulta que mentres as autoridades locais e autonómicas cubríanse coas esteladas e co odio aos «españolistas» (Antonio Machado, por exemplo), a rambla principal de Barcelona, un día 17 de agosto ás cinco da tarde, estaba desprotexida contra o terrorismo e a súa miseria e os seus miserables. Cústame concibir que en plena alerta en toda Europa, unha furgoneta e uns asasinos poidan campar ás súas anchas polo lugar máis transitado de Barcelona.

É tan fermosa Barcelona, e temos tanta xente querida por alí, que a un lle pode a ira e escribe a golpes de rabia. Non hai nada que dicir. Todo o dixemos os columnistas de La Voz de Galicia. Fártanos este mundo sen sentido e, tamén, o escaso sentido común dalgúns representantes públicos. Que dirán hoxe Puigdemont e Junqueras? Que Gabriel Rufián e Tardá? Terá tido a culpa España? As autoridades están para preocuparse polo benestar da xente. Os que permitiron o atentado de onte en Barcelona estaban a outra cousa: discutían sobre a independencia. Os uns e os outros. Parece inverosímil. Non o é. En pleno centro de Barcelona aterrou de novo o terror. Xa vai sendo hora de preocuparse polo que verdade importa. O resto é lixo. Lixo ideolóxico, pero lixo á fin e ao cabo.