Unha redución bancaria excesiva


No documento Unha estratexia industrial para Galicia que presentei na reunión anual do Foro Económico de Galicia o pasado abril, entre as debilidades e ameazas competitivas de nosas manufacturas sinalaba o reducido tamaño empresarial, o escaso esforzo innovador, os custos oligopólicos da enerxía e varios máis. Entre eles tamén, e non o menos importante, as dificultades de acceso a un financiamento paciente que non drene as marxes empresariais. Un acceso que se converte en letal cando a autofinanciación é escasa ou cando unha parte crecente das vendas realízanse a crédito. Baste dicir que a día de hoxe as empresas non financeiras españolas acumulan unha débeda sobre o PIB que duplica a cociente que teñen en Alemaña.

É nese escenario no que hai que avaliar si a competencia bancaria é ou non a adecuada. Para o 2014 a concentración medida para o conxunto das entidades que operan en Galicia xa duplicaba o indicador medio español (valor que, á súa vez, estaba por encima da media europea. Alemaña estaba cunha concentración cinco veces menor á nosa.

E si a concentración avaliámola para as cinco entidades de maior tamaño o nivel de Galicia segue estando moi por encima da media española ou europea. Pon os pelos de punta imaxinar estes datos si as caixas galegas fosen adxudicadas polo FROB a algunha entidade das máis grandes que operan en España. No seu día a adxudicación a Banesco paliou esa galopante concentración e poder de mercado que percorre España e que, sen despeitearse, acirra o FMI. Concentración que non é allea ás altas marxes bancarias en préstamos a empresas en España fronte a Francia, Italia ou Alemaña.

Neste contexto a eventual compra do Banco Popular?Pastor por unha das grandes marcas que xa operan en Galicia non faría senón elevar a concentración aínda máis (que nalgunhas provincias supera os referentes europeos de precaución). Desde este punto de vista a opción menos mala pasaría por Bankia, que conta cunha rede menos densa en Galicia. Sempre que iso non fose un paso máis para acelerar a súa privatización en beneficio dos outros grandes grupos financeiros.

Votación
19 votos

Unha redución bancaria excesiva