Torpedos

Carlos Agulló Leal
Carlos Agulló O CHAFLÁN

OPINIÓN

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non acaban de acougarse as augas sobre as que Rajoy trata de timonear a nave do PP. Moitos se han ir caendo pola borda a medida que avanzan as investigacións por corrupción. Pero que difícil resulta crer que o partido quede libre de mancha co xesto -imprescindible- de suspender de militancia a unha persoa que tanto predicou como Ignacio González, expresidente da Comunidade de Madrid. Como inverosímil resulta que Esperanza Aguirre, con xesto entre compungido e indignado, asegure que ela, a lideresa, nin decidía a que actos acudía nin sabía quen llos organizaba.

Ninguén coñece a ninguén. Iso é o que sucede cando veñen mal dadas. E Mariano Rajoy, que nunca se arrepentirá o suficiente daquela mensaxe no que lle recomendaba -ou lle imploraba- fortaleza a Luis Bárcenas, terá que dicir a quen coñece e de que cando acuda como testemuña a declarar no xuízo do caso Gürtel. Comparecer como testemuña non implica presunción algunha de culpa, non é nin sequera o que antes se chamaba imputado. Pero unha testemuña xura dicir a verdade e só a verdade antes de prestar declaración. Hai que presumir que Aguirre di toda a verdade cando afirma que non coñece a Correa, o xefe da Gürtel, pero canto custa crelo.

Rajoy non acaba de sacudirse todas as pulgas da corrupción que atoparon acomodo no PP. O peor que lle pode pasar é pensar que capeará o temporal porque, a final de contas e aínda que sexa en minoría, segue sendo o máis votado. Mala deriva. Non só porque eses cálculos poden acabar abríndolle unha irreparable vía de auga. Sobre todo, porque son torpedos directos á liña de flotación da propia democracia.