Falece a galega Pilar Sanjurjo, a primeira muller do tempo en España

Xavier Fonseca Blanco
X. Fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

OBITUARIOS

Televisión Española

Traballou durante anos no Centro Nacional de Predición e foi unha das primeiras mulleres en participar nunha expedición á Antártida

07 abr 2022 . Actualizado ás 18:22 h.

Pilar Sanjurjo é historia viva da meteoroloxía en España. O seu nome loce xunto a outras figuras como o emblemático Mariano Medina. Foi a primeira muller en pórse diante das cámaras para dar o parte do tempo nos telexornais nocturnos de Televisión Española. Chegou á pequena pantalla da man de Eugenio Martín Rubio , famoso por xogarse o bigote cunha predición. Eran os anos 70 e Sanjurjo referíase ao mapa como a «viñeta». Non había cromas como na actualidade, senón isóbaras debuxadas a man e cartolinas que se pegaban para destacar as condicións de cada comunidade. As frontes destacábanse con cores sobre a imaxe do satélite.

Pero a pesar dos recursos precarios, contaba co coñecemento e a experiencia suficiente para transmitir a información con rigor. Tamén cun acento galego moi xenuíno. Sanjurjo non só foi presentadora do tempo, senón que exerceu como predictora. O seu primeiro destino levouna á oficina meteorolóxica do aeroporto de Barcelona e rematou especializándose na predición marítima.

Durante anos traballou como xefa de quenda no Centro Nacional de Predición. Foi tamén una das primeiras mulleres en participar nunha expedición á Antártida, onde investigou in situ as causas e efectos do buraco da capa de ozono. Recentemente xubilouse e o pasado 8 de marzo, Día da Muller, Televisión Española rendeulle unha homenaxe emitindo unha peza informativa sobre os inicios da científica e pioneira galega.