O adeus a Dusty Hill, o salvaxe baixista de ZZ Top

OBITUARIOS

WALTER BIERI

A banda comunicou o seu falecemento a través o seu Instagram: morreu aos 72 anos mentres durmía

29 jul 2021 . Actualizado ás 16:17 h.

Dusty Hill parecía doutra época. Barba tupida, roupa de vaqueiro e lentes opacas. Como un fuxido dunha peli do oeste, pero con moito máis ritmo. Un blues brother canalla. Un pioneiro do rock. Camiñaba polas fronteiras do musical como un explorador en busca do ignoto. O seu baixo tépedo marcou o compás da súa banda durante máis de medio século. A historia de Dusty Hill é a dun que viviu en movemento. Dun lado a outro, deixando sempre un rastro vivo de acordes pululantes. Un nómade brillante que se solapaba á perfección cos contornos de decenas de xéneros e estilos. Un que se vai tranquilo, como o fan todo os que deixan tras de si un traballo ben feito. 

Dusty Hill naceu onde morreu aos 72, mentres durmía. Houston, Texas. Hai xente que vén ao mundo para pertencer a un lugar. A pesar de todas as xiras mundiais e dos millóns de discos vendidos,  Dusty sempre acababa no mesmo sitio. Nas rúas que lle viron corretear de neno, fundar un grupo e crecer ata ter asento permanente no Olimpo das superestrellas. Os seus xeitos excéntricos e o seu innegable talento convertérono en icónica figura folclórica. As influencias deste xigante dos sons foron máis aló da súa disciplina, pois case un centenar de películas e series de televisión bañáronse no frenesí dos seus acordes. O que quixese retratar a Norteamérica dos oitenta, coas súas pelexas de bar, as súas roupas charramangueiras e a súa linguaxe molón, tiña que pór de fondo algunha canción dos ZZ. Ata saíu en Regreso ao futuro III (a boa da triloxía). 

Os seus amigos e compañeiros de faena Frank Beard e Billy Gibbons (naquel momento, batería e guitarrista de ZZ Top), despediron ao seu camarada cun directo e emotivo «You will be missed greatly, amigo» («Botarémosche moito de menos, amigo»). O adeus a un baixo inquedo e salvaxe. Dusty Hill parecía doutra época, pero agora é de todas as épocas.