Obituario de Xusto Fernández Casariego (home de mar): «Quedou durmido o último baleeiro»

OBITUARIOS

22 feb 2019 . Actualizado ás 08:41 h.

Emocióname a despedida. A pesar de ser crente. Creo que os ausentes sempre se fan presentes se falamos deles. Pero hoxe teño que facelo con respecto e cariño. Quedou durmido o último baleeiro. Un hombretón que exerceu o oficio de cociñeiro ao ingresar en 1965 a bordo do «Cabo Morás», en plena tempada para a caza de baleas da que se fornecía a factoría dos Massó no Portiño do Concello de Xove, antes San Tirso de Portocelo.

Andou ao mar con dous grandes patróns do porto de Illas San Cyprianus, Balbino de Forxas e Salustiano Coldeira, así como un excelente compañeiro de tripulación: o gran Peto do Porto de Arriba.

Comezou cos irmáns Quintanero. Así que desde a súa parroquia de Castelo, burgo de Trasbar, embarcouse no «Vila de Foz». E pasaron os anos, costeiras e mareas. Era unha das miñas fontes de información sobre aquela aventura que recuperou o noso orgullo de ser pobo cazador de baleas desde a Idade Media.

Coa súa esposa Modesta, acudía á miña consulta de médico rural en Cervo. Sempre tiña aberta a súa casa para compartir unha copa de bagazo. Mentres, con aquela vehemencia sólo superada pola súa bondade, na cociña do seu fogar en Suzil, relatábame as manobras propias da vida a bordo do baleeiro.

Máis dunha vez heime preguntado os motivos, os complexos e a santa humildade que nos leva a evitar os dereitos históricos para que a heráldica do noso Concello de Cervo-Sargadelos non contemple os fornos de fundición e a balea, como fixeron vascos e cántabros. Poida que sexa unha débeda histórica con xentes da estirpe de Xusto. DEP.