¡Visca Manuela!

Manuela Viturro Rodríguez faleceu aos 94 anos


Auga bendita, santo remedio. Esa era a fórmula milagreira coa que Manuela Viturro, Manuela a do Roxo, solucionaba calquera situación. ¿Que os fillos tiñan un exame moi importante? Auga bendita antes de saír da casa, aínda que o certo foi que o ansiado aprobado chegou o día que se confundiu de botella e no canto de bendicir ao rapaz con auga bendita enchoupouno ben enchoupado de augardente.

¿Que o Barcelona dos seus amores sufría máis da conta nun partido? Auga bendita coma se chovera por riba da televisión na busca desa ansiada remontada, aínda que ás veces non quedara outra que apagar o aparato para non ver o desastre ao que se dirixía o seu equipo e pecharse na habitación a rezar uns padrenuestros, por se con un pouco de axuda divina se reconducía a situación. E nos encontros transcendentais, cando a cousa estaba apretada, saía para fóra e miraba a televisión pola ventá, coma se o cristal lle servira de barreira e lle dera outra perspectiva sobre o xogo máis favorable ao seu corazón culé.

Esa era a Manuela que eu recordo, a avoa de Manselle que de cativa tomei prestada e que resulta imposible esquecer. A que xogaba ás cartas despois das comidas e levaba as contas de todos, incluso cando a súa mente xa comezaba a nubrarse pola enfermidade; á que non lle gustaba un chisco perder aos naipes; a que intentaba poñer paz nas acaloradas discusións de sobremesa nos días de festa; a que mantiña o sorriso a pesar de todos os pesares.

A Manuela fraca, pero xeniúda, ruda e curtida, a Manuela extraordinariamente forte que soubo transmitir aos seus fillos un optimismo e unhas ganas de vivir que moitos quixeran para si. Foi ela a que fixo dos Angueira Viturro un auténtico equipo, no que van todos a unha xa sexa para encher o campo da festa de Manselle ou para facer fronte á realidade máis crúa. Pero sempre unidos, sempre xuntos.

Nunca saberemos se foi cousa da auga bendita que tanto empregaba ou do seu propio carácter, o caso é que a fórmula non lle saíu mal de todo a Manuela e conseguiu facer dos seus fillos, netos e bisnetos unha gran piña, unha quilométrica cadea humana que hoxe a abrazará na súa derradeira despedida. Igual que fixeron sempre.

Manolo; Julio, o meu padriño; Lidia, da Pulpería Rial; Anxo, presidente da Fundación Rosalía de Castro de Padrón; Amparo, da Casa do Patín, e Pilar son dignos herdeiros de Manuela. E ela, sabedora de que a semente que plantou nos seus fillos perdura nas seguintes xeracións, xa pode descansar en paz.

Ata sempre, e por sempre ¡visca Manuela!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

¡Visca Manuela!