Integralia entra en Galicia cos seus microbuses ONE

J. A.

FIRMAS

A compaña navarra entregou a Autocares Vázquez dúas unidades do seu innovador vehículo, cun deseño avanzado e que pode transportar a 25 pasaxeiros máis o condutor

14 novs 2018 . Actualizado ás 15:10 h.

A empresa navarra Integralia, con sede en Esquíroz (preto de Pamplona), entrou no mercado galego do transporte coa entrega de dúas unidades do seu modelo ONE á compaña coruñesa Autocares Vázquez. Trátase dun innovador microbús fabricado cos máis altos estándares de calidade e que na súa configuración de maior capacidade pode transportar a 25 pasaxeiros, máis o condutor. Un auténtico fito para un vehículo cunha masa total de 5.500 quilos.

A maioría dos autobuses deste tipo teñen unha capacidade máxima de 24 prazas. Ter un asento máis que a competencia pode supor para as compañas que aposten por este modelo entrar en concursos de adxudicación restrinxidos, ademais de ofrecer aos seus clientes máis espazo e comodidade. No caso de Autocares Vázquez destinounos ao transporte regular de viaxeiros, pero tamén se poden utilizar en rutas escolares ou para usos turísticos e desprazamento de executivos.

Este tipo de vehículos son cada vez máis necesarios nas estradas galegas, unha comunidade con áreas de menor poboación nas que un autobús de gran tamaño non é operativo. Tamén se moven mellor nunha rede viaria que a miúdo, sobre todo no rural, ten unhas calzadas moi estreitas.

Concibido como un vehículo lixeiro, ONE ofrece maior visibilidade e un uso intuitivo para o condutor _o sistema de control a través dunha pantalla dixital foi desenvolvido pola carrocera navarra_, coa consecuente mellora na seguridade.

O deseño tamén marca a diferenza, cunhas liñas laterais moi dinámicas, o uso de tecnoloxía led para a iluminación e a integración do sistema de climatización na parte superior frontal. Para sacar adiante este microbús foron necesarias 50.000 horas de traballo e máis de tres anos de investigación. Un total de 60 persoas involucráronse no proxecto.

O director xerente de Integralia, Óscar La, destacou durante a presentación do modelo (a pasada primavera) o seu empeño por lanzar produtos «sempre innovadores» e por ofrecer «solucións estratéxicas que acheguen máis comodidade e máis espazo ao sector do transporte de viaxeiros por estrada».

Integralia, con 19 anos de experiencia, vai da man de Mercedes - Benz, que asina a Sprinter 519 na que se basea ONE: motor V6 de 190 CV, caixa automática 7G-Tronic e equipada con control de velocidade e asistente de cambio de carril.

Presenza internacional

A marca participou recentemente na feira Autocar Expo de Lyon, en Francia, un mercado no que ten presenza desde fai quince anos e no que é provedor de grandes empresas como Transdev, Fraikin, Keolis e Magnum Travel París, entre outras, con diferentes produtos do seu catálogo. Ademais de ONE e ONE + (unha versión de alta gama, que inclúe butacas enfrontadas con mesas no medio na súa parte dianteira, perfecta para manter reunións ou facer negocios durante os traxectos), Integralia fabrica os furgóns IN-Urban, IN-VIP, IN-Tourism e IN-School.

A carrocera navarra tamén está implicada na mobilidade eléctrica e a semana pasada recibiu a visita dunha vintena de compañas deste sector para coñecer o traballo realizado por Integralia dentro do proxecto Boletus, que avanza cara ao desenvolvemento e fabricación de vehículos eléctricos autónomos. Os asistentes puideron comprobar a produción de estruturas en aceiro inoxidable, a utilización de fibras de carbono no carrozado e o desenvolvemento eléctrico para comunicar a plataforma Sprinter coa esixente carrocería implementada para o modelo ONE. 

Óscar La mantivo diversas reunións coa intención de buscar posibles sinerxías e colaboracións desde diversos ámbitos do sector da mobilidade e a automoción como a impresión de circuítos eléctricos, o desenvolvemento de transmisións mecánicas ou o cableado.