Tesla xa ten taller en España

Redacción LA VOZ

FIRMAS

O fabricante de coches eléctricos inaugura un centro de servizo en Barcelona

20 sep 2017 . Actualizado ás 14:29 h.

A compaña Tesla inaugurou un centro de servizo en L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona). Esta primeira localización permanente da compaña estadounidense en España precede ás aperturas das tendas no centro de Madrid e Barcelona antes de final de ano.

O centro de servizo atópase a tan só 10 minutos en coche do aeroporto do Prat e a curta distancia do centro da Cidade Condal. Tesla deseña, constrúe, comercializa e presta servizo a todos os seus vehículos de xeito independente, eliminando pasos innecesarios co fin de que a experiencia do propietario sexa o máis uniforme posible.

Neste tipo de talleres, os vehículos de Tesla benefícianse das actualizacións de software gratuítas que, ademais de achegar novas características e funcionalidades ao vehículo durante toda a súa vida, permiten ao fabricante diagnosticar e reparar moitos problemas sen que o cliente teña que levar o vehículo ata o centro de servizo.

Esta nova localización inclúe asistencia e servizo, entrega de vehículos e venda. A tenda mostra o Model S, o primeiro sedán premium cento por cento eléctrico con ata 632 quilómetros de autonomía nunha soa carga; e o Model X, á vez que persoal do equipo de Tesla altamente cualificado ofrece aos clientes interesados información, demostracións e probas de condución dos vehículos eléctricos.

Ademais da carga en casa, os usuarios españois de Tesla  xa contan con 74 Supercargadores individuais, repartidos en 12 estacións. Tesla tamén conta en España con 155 puntos de carga en destino, de menor potencia, situados por todo o territorio.