A Federación Galega de Automobilismo planea concentrar os ralis entre agosto e febreiro

MOTOR GALEGO

MARCOS MIGUEZ

A expensas de que o Goberno autorice a celebración de probas ao aire libre, a federación xa traballa na amplicación da tempada para así poder celebrar todas as probas do campionato galego de asfalto

15 abr 2020 . Actualizado ás 13:38 h.

A crise do COVID-19 obrigou a todas as federacións deportivas a recolocar os seus calendarios. A Federación Galega de Automobilismo xa traballa sobre o novo escenario, con intención de volver á competición no mes de agosto e ampliar a decembro, xaneiro e febreiro do 2021 o circuíto galego para cumprir coas citas do campionato galego de asfalto e do resto de competicións. A expensas de que o Goberno levante o estado de alarma e autorice a celebración de probas deportivas ao aire libre, a federación agarda poder renovar o campionato, «coas medidas de seguridade oportunas para manter a distancia de seguridade entre os afeccionados e participantes», apunta Iván Corral , presidente da federación galega. Co rali da Coruña como única proba disputada do campionato galego de asfalto o pasado mes de febreiro, a federación estuda recolocar a partir de agosto as probas xa canceladas. As citas xa aprazadas, as do Cocido de Lalín , Noia, Narón e Sur do Condado, celebraríanse a partir do mes de agosto e, previsiblemente, o rali San Froilán, previsto para os días 23 e 24 de outubro, atrasaríase unha semana para así poder encaixar todas as pezas nun novo calendario. Trátase dunha das competicións que máis público arrastra en Galicia ao longo do ano. Esta previsión da federación galega contaría xa co beneplácito dos diferentes patrocinadores, que xa mostraron a súa disposición a favor de refacer o calendario e así poder concluír o campionato deste ano. Tamén, a federación conta coa ampliación do acordo dos seguros médicos das licenzas aos meses de xaneiro e febreiro. Con este calendario, é moi probable que varias probas das diferentes modalidades (karts, montaña, slálom...) poidan coincidir nun mesmo fin de semana. Así era o calendario previsto para este ano: