Non é o fútbol, son os ralis

Pablo Gómez Cundíns
Pablo Gómez Cundíns CUARTO PODER

MOTOR GALEGO

Marcos Míguez

02 mares 2020 . Actualizado ás 20:07 h.

Hai paradoxos sublimes. En primeira instancia, parece máis alcanzable xogar cunha pelota que cun coche. Como factor de expansión para un deporte de masas, non hai cor. Iso, en teoría. Con todo, chegados a un certo nivel competitivo, o fútbol arrímase máis ao consabido opio do pobo. E, visto o visto esta fin de semana, os ralis son do pobo. Digna de estudo é a capacidade de mobilización que posúe o fútbol moderno, unha actividade que vendeu a súa alma deportiva ao diaño comercial, construíndo o seguinte escenario: un acceso ao espectáculo non apto para todos os petos, unha mercadotecnia mesmo máis prohibitiva, uns ídolos con pés de barro inaccesibles para os seus seguidores e a fractura de identidade entre a masa social e a propiedade dun equipo. Como consecuencia, o fútbol de elite é un mero instrumento. E no seu extremo máis oposto, lonxe de ser unha fonte de valores é un niño de violencia. Non dá visos de cambio, por certo.

O grao de penetración dos ralis en Galicia invita as comparacións, sempre máis necesarias que odiosas. A capacidade de convocatoria está fóra de toda dúbida, superior a calquera evento único deportivo na comunidade (que, pola calidade do seu campionato, é referencia nacional). A pesar de ser unha actividade de alto risco (a algún esquéceselle a miúdo), supera o hándicap para extremar a súa accesibilidade. Hai máis antihéroes que ídolos [Deberes de pensar: Corresponde aplicar e destacar o cualificativo «humilde» atribuído a unha persoa á que simplemente se lle dá ben unha determinada habilidade pero non fai alarde diso?] e é moi aplicable a regra dos seis graos de separación, aínda que a porcentaxe de poboación que corre nun coche e o que lle dá patadas a un balón é moi desigual. Resultado: a identificación entre a masa social e a propiedade do equipo é plena.

É o retrato a vuelapluma dun deporte de esixencia profesional ao que se lle vincula demasiado coa presenza de patrocinadores, aínda que probablemente sexa unha dos berces do crowdfunding deportivo.

Nunca está de máis reformularse os preconceptos, por saúde mental; perseguir o postureo e o odio, do que tampouco están libres os ralis. Pero algúns non aman o deporte. Simplemente, non aman. Unha perda de tempo, imos.