Machadazo de Ricardo Costa e tropezo de Víctor Senra no inicio do rali Rías Baixas

MOTOR GALEGO

XOAN CARLOS GIL

O líder perde 11 segundos nun trompo no tramo urbano da terceira proba do Campionato Galego

17 may 2019 . Actualizado ás 23:16 h.

Arrincou con ímpeto o rali Rías Baixas, terceira proba puntuable para o Campionato Galego de asfalto. Un tramo urbano de apenas 2,27 quilómetros fixo as delicias dos asistentes e causou un envorco importante nas expectativas dos principais pilotos do certame autonómico.

No elenco de inscritos botábase de menos a dous dos clasificados nos postos de privilexio na xeral absoluta (Manuel Senra e Iván Ares, terceiro e cuarto). Ambos están a outras guerras. Pero onte demostrouse que os que se entregan ao Galego fano con tesón e o machadazo do portugués Ricardo Costa, secundado polo campión asturiano Óscar Palacio e con Alberto Meira (décimo na xeral tras un abandono en Noia ) e Iago Caamaño á espreita, augura unha gran segunda xornada do Rías Baixas desde as oito e cuarto desta mañá.

En tres segundos quedaron encaixados os catro primeiros da provisional despois de cubrir en dúas ocasións o tramo urbano de Vigo-O Castro. O público abarrotou as marxes do percorrido e presenciou con aclamacións o paso dos 152 pilotos apuntados á terceira festa dos ralis en Galicia.

Pola contra, non empezou do mellor xeito posible o último vencedor da proba, Manuel Fernández, guindado á vixésima primeira posición ata o inicio da xornada de hoxe.

Tampouco tivo boa fortuna o actual líder e defensor do título absoluto, Víctor Senra, que sufriu un trompo no traizoeiro treito de terra e perdeu once segundos. Hoxe sairá como noveno clasificado, a doce segundos e medio do líder, o portugués Ricardo Costa.

O tramo de Salceda, que arrinca ás 19.42 horas do sábado, dará por rematada a terceira proba do autonómico.

CLASIFICACIÓNS

RALI RÍAS BAIXAS Tempo

1. Ricardo Costa / Rui Vilaça 3:23.971

2. Óscar Palacio / J. L. Sánchez a 0.398

3. Alberto Meira / J. Murado a +1.028

4. I. Caamaño / A. Rodríguez a 2.660

5. Alberto Nimo / J. A. Pintor a 10.596

6. A. Fernández / A. López a 11.067

ASÍ VAI O GALEGO Puntos

1. Víctor Senra / David Vázquez 448

2. Ricardo Costa / Rui Vilaça 315

3. Manuel Senra / Faustino Suárez 252

HORARIOS, SÁBADO 18

Tramo Km Hora

Vigo-Alba-Nigrán 11,52 8.14

Gondomar-Porriño 11,53 9.12

Salceda 12,12 10.00

Vigo-Alba-Nigrán 11,52 13.10

Gondomar-Porriño 11,53 14.08

Salceda 12,12 14.56

Vigo-Alba-Nigrán 11,52 18.06

Gondomar-Porriño 11,53 18.59

Salceda 12,12 19.42