O multimillonario que empezou cun mostrario e unha maleta

MERCADOS

ABRALDES

Rafael Domínguez de Gor, unha das grandes fortunas que se forxaron na industria téxtil española, é o impulsor de Mayoral, a insignia de roupa infantil

05 dic 2021 . Actualizado ás 10:07 h.

Forma parte dese puñado de grandes fortunas que se forxaron no seo da industria téxtil española. Toda unha potencia. Á calor da expansión das súas insignias. En casa, e polo mundo adiante. Un selecto club no que figuran Amancio Ortega, fundador de Inditex ; Isak Andic, creador de Mango ; Alberto Palatchi, de Pronovias; ou Thomas Meyer, fundador de Desigual.

Poida que o seu nome non lles soe tanto como os anteriores. Sobre todo por estas latitudes do norte. Moito máis nas do sur, claro, a súa terra natal. Falamos de Rafael Domínguez de Gor (Málaga, 1937). Se lles digo como se chama a súa empresa tampouco creo que os saque de dúbidas: Indumenta Pueri. Pero, se lles desvelo o nome da súa marca comercial, xa é outra cousa: Mayoral, a insignia de roupa infantil.

Seguro que non fai falta que lles relate as orixes de Inditex. Aquilo de bátalos e de Confeccións GOA (as iniciais de Amancio Ortega Gaona, pero ao revés), historia que puideron ler esta mesma semana nas páxinas de La Voz co gallo da chegada de Marta Ortega á presidencia da multinacional galega. Pero si que lles conte que o xerme do que hoxe é Mayoral foi unha pequena fábrica de medias e calcetíns —Domínguez Toledo, chamábase— fundada polo avó de Rafael en 1941 en Yunquera, pobo malagueño que xa no século XVIII contaba cunha industria pañera de certo peso.

Foi o seu pai quen deu o seguinte paso, coas 7.000 pesetas que lle deu a súa nai cando deixou Yunquera para buscarse a vida en Málaga e continuar alí co negocio xunto aos seus irmáns nunha vella factoría téxtil. Á fronte estivo ata 1966, cando Rafael, que seguindo a tradición familiar estudou Enxeñería Industrial Téxtil na Universidade Politécnica de Barcelona, deixou o seu traballo noutra firma do sector, Intelhorce, e fíxose cargo do negocio. Facturaba entón nove millóns de pesetas. Non gañaba diñeiro, pero si tiña clientes. E a eles agarrouse Rafael para tirar do carro. A iso e ao seu ímpeto. Ese que o levou un bo día a meter un mostrario de roupa infantil nunha maleta e plantarse en Alemaña para percorrerse o país e intentar vender as súas pezas. E iso que non sabía falar alemán. Agora domínao. E outros catro idiomas máis.

Hoxe, oitenta anos despois de que a historia de Mayoral botase a andar na pequena localidade de Yunquera, las vendas da compaña superan de lonxe o listón dos 300 millóns de euros, está presente en máis de 100 países e ten un persoal que excede os 1.500 traballadores. E convertéronse, ademais, nun dos investidores máis activos da Bolsa española, con participacións de calado en varias empresas do Ibex que suman 400 millóns.

Pero a el nunca lle importou o grandes que fosen, senón «facer as cousas ben, porque así se pode logo crecer e gañar diñeiro. Se leva ben un negocio, todo o demais chega por riba. Se só se busca ser máis grande ou gañar máis diñeiro, a medio prazo estasche equivocando. Hai que facer as cousas ben», contou en máis dunha ocasión. Voraz lector e apaixonado da aviación —é piloto— é tamén un namorado do tenis, Tanto que se fixo construír unha pista na terraza da súa empresa para practicalo. É profeta na súa terra. Ten ata unha glorieta co seu nome en Málaga. Deixou a primeira liña hai xa tempo, cedendo as rendas os seus fillos. Pero é dos que non pairan quedos.

.