Aeroportos e hoteis de medio mundo locen cociñas de Lugo

A GALICIA ECONÓMICA

ÓSCAR CELA

Grupo Migan, a primeira empresa que empezou a fabricar frigoríficos en Galicia leva as súas solucións integrais de maquinaria e mobiliario ao sector sociosanitario e hostaleiro. A pesar da crise, aumentaron un 40 % a súa facturación

28 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Cociñas de aeroportos , hoteis, hospitais, xeriátricos e centros comerciais de medio mundo levan selo lucense, concretamente, do Grupo Migan, pioneiros e expertos na refrixeración industrial e fabricantes, distribuidores e instaladores de cociñas industriais a medida. A empresa lucense leva seis décadas no sector e foi a primeira de Galicia en comezar a fabricar frigoríficos, en 1961. O negocio foi crecendo e na actualidade fabrican maquinaria e mobiliario para todo o mundo. A empresa ofrece un servizo integral, que abarca desde o deseño ata a instalación, pasando pola fabricación e o asesoramento. Fabrican todo o mobiliario (armarios, mesas, estantes, bajomostradores...), ademais de frigoríficos e campás extractoras, a medida; fundamentalmente, en aceiro inoxidable. Pero tamén empregan outros materiais: madeira, vidro, silestone, corian, mármore... posto que se encargan así mesmo de fabricar outros elementos nos que o deseño ten máis peso, como bufés de comedores, vitrinas ou escaparates. De todos os xeitos, sinalan que as modas non cambiaron moito no sector: «O produto industrial está menos condicionado polos estilos. Aínda así, mentres antes predominaban os redondos nas encimeras, agora prefírense as liñas puras e as encimeras monoblock», explica Miguel Ángel Pérez, CEO de Migan.

Doutra banda, ademais de fabricantes, tamén son distribuidores. Explica que comercializan todo tipo de maquinaria industrial de primeiras marcas a prezos competitivos, como fornos, lavanderías industriais ou lavalouzas. E con esa filosofía ofrecen unha cobertura mundial, indo directamente ao consumidor final. Na súa carteira de clientes cóntanse grandes complexos de todo tipo: o HULA, en Lugo; residencias da terceira idade de Geriatros, Domus VI , cociñas centrais de Citroën e Serunión, en Vigo; Hotel Hilton na Coruña; xeriátricos en Barcelona; áreas de servizo da AP-7; locais hostaleiros nos aeroportos de Santiago, Barcelona, Madrid, Lisboa, O Porto, Palma de Mallorca, Alacante, Asturias...; sede central do Banco Central de Etiopía ; centros comerciais en Porto Rico, México e Arabia Saudita; hoteis en Barcelona, Madrid, Sevilla, Tenerife, Milán, Alemaña... E é que a exportación gañou peso coa pandemia, pasando do 20 a case o 70 %, e cubrindo países de todo o mundo: desde Europa ata Asia, África (Guinea Ecuatorial, Etiopía, Marrocos...) ou América (México, Porto Rico, República Dominicana...). «O sector viuse moi afectado pola pandemia, pero os nosos clientes, ao ser grandes, non detiveron os seus investimentos». Non en balde, este ano aumentaron a facturación un 40% e agardan chegar a 10 millóns.

A vista posta en China

Migan segue abrindo novos mercados. Agora puxeron o ollo en China , onde iniciaron contactos cunha construtora, que xa frutificaron en varios encargos. Proximamente participarán nunha feira en Pequín, que lles servirá para abrir contactos con outras firmas asiáticas. O chinés é «un mercado cun potencial moi alto», explica Pérez Trabadelo, xa que cada vez demandan produtos de maior calidade: «Eles son moi bos en optimizar as grandes producións estándar, pero non teñen o noso know-how nin ofrecen un servizo completo e a medida como o que facemos nós».

 En canto á crise actual, Migan acusa, como o resto de empresas do país, o incremento do prezo das materias primas: «Traballamos moito con aceiro, e hoxe en día subiu un 80 %; o ferro, un 70; o cobre, un 47; o aluminio, un 26... e son subidas semanais». A isto hai que sumar o problema do transporte internacional. No seu caso, a escaseza de materiais non é un contratempo por agora, xa que dispoñen de suficiente estocaje. Doutra banda, Migan ten outra liña de negocio, baixo a marca Lufri: «Fabricamos a medida, pero nos 80 vimos que tamén había demanda de material estándar: armarios e bajomostradores frigoríficos, botelleros, mesas para pastelería, pizzería, murais... e lanzamos Lufri». Unha rama con «bastante competencia», algo que non ocorre nos encargos a medida, xa que en España hai bastantes comercializadores, pero poucos fabricantes.

Purrinos Fotografos

«Os frigoríficos dos anos sesenta elaborábanse con madeira e formica»

 

L. López

Miguel Ángel Pérez Trabadelo, CEO do Grupo Migan, forma parte da segunda xeración a cargo de esta empresa familiar, que fundou o seu pai, Miguel Ángel Pérez López, en 1961. Leva 40 anos na firma, que non parou de crecer desde os seus inicios. Aínda que a sede central segue en Lugo, con dúas naves para as oficinas e a fábrica, de 10.000 metros cadrados, tamén dispoñen de delegacións comerciais en Madrid, Barcelona, Navarra, Valencia, Selecta e Canarias, e un persoal de 60 traballadores.

—Como naceu o Grupo Migan?

—Nos anos cincuenta, o meu pai comercializaba cafeteras para restaurantes. Entón, deuse conta da necesidade que había de cubrir o sector do frío industrial, posto que non había nada no país en canto a fabricación. Así montou Frigoríficos Migan, en Lugo, el e sete empregados.

—Como eran esas neveiras dos anos sesenta?

—Os primeiros frigoríficos, dos anos 60, fabricábanse con madeira e formica. Os principais clientes eran entón os restaurantes.

—A innovación foi clave.

—Por suposto, por iso dedicamos unha partida moi importante a I+D. Apostamos pola sustentabilidade e polo uso de gases con baixo poder de quecemento global. Buscamos a eficiencia enerxética con baixos consumos e fomentamos a ergonomía nas instalacións. E é que a innovación non só se aplica na fabricación, senón tamén nos deseños: paneis de control dixitais, sistemas de control remoto de cámaras frigoríficas, materiais con mellor illamento... O cliente é máis esixente porque ten máis información e coñece moito mellor o mercado.