Intelixencia artificial con selo galego

MERCADOS

cedida

Unha spin-off do Centro de Investigación en de Tecnoloxías Intelixentes a USC acaba de lanzar unha ferramenta baseada no big data e algoritmos orixinais para mellorar os procesos das empresas e automatizar operacións de xeito rápido e efectivo

28 feb 2021 . Actualizado ás 22:41 h.

Hai revolucións que chegan para quedar e a da tecnoloxía, aplicada na xestión de procesos, é unha delas. As ferramentas de análises que utilizan a intelixencia artificial e o chamado big data non son cousa do futuro, senón do presente, e cada vez hai máis empresas interesadas nelas para mellorar os seus resultados. O potencial destas tecnoloxías coñéceno ben os profesionais que están detrás de InVerbis, unha spin-off incubada no Centro Singular de Investigación en (CiTIUS) Tecnoloxías Intelixentes da USC. Sus investigadores desenvolveron unha plataforma que mellora a produtividade a partir técnicas sustentadas na IA e no manexo de grandes volumes de datos. A clave está no uso de algoritmos orixinais que se enmarcan nunha categoría da intelixencia artificial coñecida como minería de procesos. Grazas a isto, a ferramenta que desenvolveron pode xerar visualizaciones e informes intelixentes para coñecer como se están executando os fluxos de traballo en sectores de todo tipo e automatizar operacións de xeito rápido e efectivo.

«Para avaliar o seu desempeño, as empresas fíxanse nunha serie de métricas, coma se a produción aumentou ou se os custos foron maiores, e en base a iso toman decisións. O problema é que o fan de forma nesgada porque non teñen en conta toda a información da que poderían dispor», apunta Alejandro Ramos, director de I+D+i de Inverbis, que explica que «máis que fixarse no resultado das cousas, a cuestión é por que se chegou a eses resultados». Sobre iso actúa InVerbis, que reconstrúe os procesos a partir dos datos que teñen, que en ocasións son moitos máis dos que as empresas creen. «Cada vez temos máis información grazas á dixitalización e todo iso nos serve a nós para reflectir como se está traballando e poder localizar así problemas que nos permitan mellorar os resultados», afirma o director de I+D+i de InVerbis.

Aínda que ninguén pon en dúbida a importancia de entender os fluxos de traballo, o CEO desta spin-off, Gonzalo Martín, lembra que non sempre resulta tan doado como parece. «É fundamental que as empresas os coñezan. Se tes un restaurante e feixes unha pizza ao día vese doado, pero cando empezas a acumular unha pizza tras outra, se che fixas, atopas patróns de desviación», afirma Martín, que utiliza ese exemplo para describir o armazón de actividades que poden pasar desapercibidas e que resultan clave para optimizar os resultados finais. «Cando chamas ao restaurante para pedir a pizza, alguén che colle o teléfono e atende o teu pedido. Ese é o desencadenamento que pon todo en marcha, desde que se cociña o produto ata que un repartidor cho leva a casa, pero antes diso o restaurante tivo que comprar os ingredientes, administrar os métodos de pagamento e asegurarse de que hai un vehículo en condicións para facer a repartición», subliña o CEO de InVerbis. E que fai a súa plataforma? Pois como el mesmo explica, «dar transparencia na execución» e asegurarse de que cada paso xera o mínimo posible de erros e utiliza só os recursos imprescindibles.

O seu modelo de negocio, principalmente, céntrase nos consultores que expoñen as análises e para eles teñen previstas formacións e soporte asociado á súa plataforma. «É unha disciplina nova e hai moito descoñecemento. Os que levan máis tempo nisto son países cunha cultura moi avanzada en xestión de procesos, como Holanda ou Alemaña, pero aquí está a empezar a soar cada vez máis e esa onda acabará por chegar», afirma Ramos. No entanto, a pesar de enfocarse nos profesionais que se dedican á análise, a plataforma tamén contempla o seu uso directo por parte das empresas e a súa integración nos seus sistemas informáticos mediante versións personalizadas. «Unha ferramenta así sería aplicable mesmo en hospitais. Hai pacientes entrando e saíndo, pero tamén compra de subministracións e organización de persoal. Se hai un rexistro, a nosa ferramenta analiza e devolve un modelo para que o entendas visualmente», apunta.

Industria do automóbil

A pesar de que a plataforma contempla a análise de actividades en diferentes sectores, InVerbis mira con especial interese á industria do automóbil, coa que empezará a traballar de forma estreita grazas ao Clúster de Automoción de Galicia. O seu proxecto foi seleccionado para formar parte do programa Business Factory Auto, grazas ao cal poderán seguir desenvolvendo a ferramenta en colaboración con esta industria. Nese sentido, tanto Gonzalo Martín como Alejandro Ramos destacan o valor dun sector sempre interesado na aplicación de novos métodos de xestión e mellora de procesos, e moi ligado aos avances tecnolóxicos. «Para InVerbis é unha lombeirada á hora de aplicar a nosa tecnoloxía», coinciden ambos, que destacan o valor dos seus algoritmos -«na vangarda internacional no campo», apunta o seu director de I+D+i- por permitir unha descrición profunda e detallada sobre o xeito na que levan a cabo realmente os procesos.

Estratexia nacional de ia

O CiTIUS, onde se incubó InVerbis, organizou o pasado día 17 a presentación da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial; unha iniciativa anunciada en decembro por Pedro Sánchez e que contará con 600 millóns para o desenvolvemento da IA en España entre o 2021 e o 2023. A Secretaria de Estado de Dixitalización, Carme Artigas, presentou os detalles do plan nun acto con presenza de Senén Varro, director científico do CiTIUS, que tamén é socio de InVerbis. Sobre esta spin-off, Barro destaca a importancia do Programa Ignicia, da Axencia Galega de Innovación (GAIN), para validar a ferramenta de análise en condicións o máis reais posibles. «No noso caso, fixo posible que anos de investigación en intelixencia artificial aplicada á analítica de procesos cheguen ao mercado, facéndoo ademais a través dunha empresa innovadora e xerando emprego grazas á creación de novas empresas», afirma Barro.