«Queremos ir cara á construción modular sostible, casas de madeira»

ANA. F. CUBA

MERCADOS

CESAR TOIMIL

Marián López Castro, enxeñeira industrial lucense, atopou na firma de Narón fundada por Cándido Hermida o traballo da súa vida. Subliña dúas máximas do empresario: «O cliente é o rei e o obxectivo é conseguir traballo para manter o emprego»

24 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Marián López Castro (Lugo, 42 anos) estudou Enxeñería Industrial en Vigo, na especialidade de organización, e realizou o proxecto de fin de carreira na Universidade de Novo México. De volta, un profesor da súa facultade faloulle da empresa Cándido Hermida e do seu fundador, «un visionario». Aquela conversación persuadiuna de que traballar nesta firma de Narón era «o soño» da súa vida, e pouco despois seleccionárona, entre moitos dos seus compañeiros de universidade, para incorporarse á ebanistería. Transcorreron 15 anos e Cándido Hermida, que en 2019 facturou 60 millóns de euros, pasou de ter 100 a 600 empregados.

-Cal foi o seu primeiro posto?

-A empresa crecera moito e facíalle falta unha persoa que fixese de ponte entre as obras, a oficina técnica e o taller. Empecei desde abaixo, viaxando por todo o mundo. A miña primeira obra foi en Manchester. Tamén estiven bastante pola fábrica para coñecer os nosos procesos. Ao principio era sobre todo tradutora. Despois vas acumulando experiencia, coñecendo ao cliente e a empresa, e convertinme en responsable do departamento de montaxe, fun responsable de internacional (vivín un ano en Nova York para montar a empresa de alí) e agora son a directora de Retail (comercio polo miúdo).

-Como evolucionou a empresa?

-Grazas a Inditex (fabricando primeiro os mobles das súas tendas e despois montando as tendas), especializámonos en retail, aínda que nunca deixamos a ebanistería e seguimos facendo traballos para particulares, pero nos industrializamos e nos internacionalizamos. Traballamos nos cinco continentes, houbo un forte investimento e temos unhas instalacións sen parangón, podemos competir con calquera empresa do mundo. Sen perder nunca o afán de servizo que nos inculcou o señor Cándido Hermida (que segue acudindo á sede do polígono Río do Pozo): «O cliente é o rei», repítenos.

 -Agora teñen varias fábricas.

-Temos dúas fábricas de madeira, dúas de metal, unha de novos materiais, unha construtora, a empresa dos Estados Unidos e outra dada de alta en Francia. Sempre intentamos dar servizo ao que vemos que son necesidades dos clientes e poder telo todo dentro de casa para ser donos da calidade e os prazos, moi importante hoxe en día.

-E novas liñas de negocio...

-O crecemento empurrounos a buscar outros negocios e o feito de ser polivalentes e estar internacionalizados axudounos a capear a crise de fai dez anos. Xa nos demos conta de que tiñamos que diversificar, non só a nivel de produción senón tamén de negocio, e introducímonos no sector naval, no deseño a medida de luxo e no sector de grandes barcos, con transatlánticos, en estaleiros de Francia, Alemaña, Inglaterra e Vigo.

-Como afecta a pandemia?

-A facturación de 2020 caeu á metade, porque os principais sectores nos que traballamos, retail de moda e naval (vacacional) foron dos máis afectados pola crise. Chegamos a ter todas as empresas pechadas na primavera. Entón decidimos acelerar a diversificación. Non houbo despedimentos, esa é a principal directriz do noso xefe, o obxectivo é conseguir traballo para poder manter o emprego.

 -Cara a onde miran agora?

-Queremos ir cara á construción modular sostible, de vivendas de madeira. Están a axudarnos a Axencia Galega de Industria Forestal e a Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural da USC no campus Terra de Lugo.

«Nas obras que ten Inditex por todo o mundo se fala galego»

 ? A. F. C.

Marián López Castro subliña a importancia do departamento de I+D+i de Cándido Hermida. «É moi potente e fainos fortes, igual que a experiencia de tantos anos a nivel internacional», sinala, como un valor fronte aos competidores. «Como temos todo baixo o mesmo tellado [madeira, metal, novos materiais, construción], facemos un produto sexi», defende a directora de Retail. Destaca que o seu traballo se centra en Galicia: «Fabricamos en Narón para servir a todo o mundo. Mandamos a 17 carpinteiros da fábrica de Valdoviño a Sídney para montar a primeira tenda de Inditex en Australia, e en dez días estaba lista, dous miles metros cadrados... Nas obras que ten Inditex por todo o mundo se fala galego». Na súa opinión, o segredo da traxectoria da compaña fundada por Cándido Hermida cando tiña 40 anos radica en «facer equipo e traballo moi duro». Ambos os factores resultan clave «nun mercado con moita competencia, no que tes que ofrecer a máxima calidade no menor tempo [prazos moi axustados], e en prezo».