Gonzalo Urquijo, nervios de aceiro para salvar a Abengoa

MERCADOS

ABRALDES

O directivo ten a difícil misión de reflotar a compaña sevillana que xa estivo a piques de protagonizar a maior quebra da historia de España

05 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A historia repítese. As máis das veces, para mal. Que llo digan se non a Abengoa. A empresa sevillana fundada pola familia Benjumea asómase outra vez ao precipicio do concurso de acredores. Esta vez, con Gonzalo Urquijo (Madrid, 1961) aos mandos. Desembarcou o directivo na compaña alá polo 2016. Sobre a mesa, a difícil misión de reflotar unha compaña que a punto estivera de protagonizar a maior quebra da historia de España.

Ninguén lle pode negar a Urquijo que conseguiu moito (reducir a débeda de 10.000 millóns que arrastraba a multinacional á metade), pero non foi suficiente. A cousa está tan complicada, que o directivo se deu de prazo ata este 14 de xullo para tratar de sacar adiante o plan de reestruturación que puxo en mans da banca hai máis dun mes, e para o que aínda non hai acordo. A súa meta: evitar custe o que custe o concurso. Ata tivo que atrasar a empresa a publicación dos resultados do 2019. O prazo para facelo vencía o pasado martes. Pero é que, afirman desde a compaña andaluza, para elaboralas precisan «ter maior grao de certidumbre sobre a probabilidade de éxito ou fracaso das medidas anunciadas». Total, que a que no seu día foi unha das empresas españolas máis recoñecidas en enxeñería e renovables está outra vez ao bordo do abismo. Aínda que, todo hai que dicilo, son moitos os analistas que non creen que a banca a vaia a deixar caer. Xa se verá.

Licenciado en Ciencias Económicas e Políticas pola Universidade de Yale e cun MBA polo Instituto de Empresa de Madrid, é Gonzalo Urquijo membro dunha das familias de máis abolengo deste país. É o terceiro dos seis fillos do matrimonio que formaron Jaime Urquijo Chacón, vinculado ao Grupo Banco Urquijo e a Tabacalera , xa falecido; e Carmen Piru Fernández de Araoz Marañón, neta de Gregorio Marañón.

Tamén é de apelidos ilustres a súa muller, Marta Barreiros Cotoner, sobriña de Nicolás Cotoner, marqués de Mondéjar, ex xefe da Casa do Rey . E tamén do empresario Eduardo Barreiros. Xunto ás súas irmás rexenta Aquilea, firma especializada na decoración floral de eventos. A preferida da alta sociedade madrileña. Unha paixón, a das flores, que Marta, Cristina e María Isabel herdaron da súa nai. Pero, esa é outra historia.

Quen nos ocupa agora é Urquijo e non ten o directivo por diante o que se di precisamente un camiño de rosas. Por moitas flores que lle boten, iso si, quen coñecen a súa traxectoria profesional, ligada durante longo tempo á industria siderúrxica e ao xigante ArcelorMittal, en cuxa dirección xeral estivo desde o principio da fusión entre os dous grandes do aceiro.

Procedente dunha estirpe ligada ás finanzas, nada facía presaxiar que Gonzalo remataría entregado ao mundo industrial. Pero así foi.

Aínda que os seus primeiros pasos profesionais deunos na banca, fiel á tradición familiar. Traballou para Citigruop e para Crédit Agricole. Ata que en 1992 penetrouse en territorio siderúrxico da man de José María Aristrain, un histórico do sector, como director financeiro do grupo. Despois virían Aceralia, Arcelor e, finalmente, ArcelorMittal. Ata que chegou á súa mesa o reto de Abengoa e aceptouno. Ao principio mantívose na presidencia de ArceloMittal en España, pero logo deixouno para dedicarse de cheo á súa nova tarefa.

O de estar a medias en algo nunca ha ir con el. Tan impoluto, din, nos seus xeitos, como na súa forma de vestir, afeccionado ao fútbol, do Real Madrid, para máis acenos; e das viaxes (e non será porque fixo poucos).

Polas súas mans pasa agora outro tipo de viaxe. Un que quere evitar custe o que custe. O emprendido por Abengoa cara a ningunha parte. Por empeño non vai ser. Que por algo ten fama de perfeccionista.

.