Isto arrefríase

Venancio Salcines
Venancio Salcines DIRECTOR XENERAL DE CESUGA

MERCADOS

16 feb 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

O martes foi un día cargado de noticias. A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, afirmou que a política monetaria ten que tomarse un descanso ou, en todo caso, asumir que en solitario non é capaz de mover a economía da eurozona. En liña co seu antecesor, Mario Draghi, reclamou que as políticas fiscais e estruturais entren en xogo. E un agradécelle a Lagarde que lance esta mensaxe, pero igualmente recoñece que este discurso non é novo e que a resposta sempre é a mesma, o silencio. Ninguén responde . Pero neste caso, mentres ela en Frankfurt fala de máis gasto público, a Comisión Europea, en Bruxelas , di o contrario. É máis, dáse por feito que o novo marco orzamentario (vixente entre o 2021 e o 2027) rebaixará en 300.000 millóns ao ano as pretensións do Parlamento europeo. De partida, o Cume Europeo, que se celebrará o próximo día 20, abordará recortes do 10 % nos fondos estruturais e agrícolas. Xa ven. Directos á fronte española. Outro desgusto para o campo español.

Un ve isto e pregúntase, hai alguén en casa ou vivimos nunha pensión, onde todos están de paso e ninguén quere pasar a fregona? Pero o martes deu moito de si, só houbo que agardar ao Consello de Ministros e alí saíu a nova verdade macroeconómica: a velocidade do arrefriado acelérase. Ata aquí nada que non saibamos. A alegría é que, por fin, sabemos que o Goberno tamén é consciente.

Un xa se conforma con nada. E é que o din coa mesma naturalidade que un amigo che conta que ha ir a Lalín a tomar un cocido. E non. Non toca. A data de hoxe, creemos que este ano creceremos ao 1,6 % e hai un mes que sería ao 1,8 %. Hai algúns meses máis, dicíase ao 2 %. E non pasa nada. Cada dous telexornais rebaixamos as expectativas e non pasa nada.

E é certo que para moitos non pasa nada porque o ven como o proceso natural. O argumento é sinxelo, temos que reducir o déficit público para non perder a credibilidade ante Europa e os mercados internacionais e, xa que logo, non podemos estimular o gasto público como desexariamos. Así que toca crecer como toca crecer. Acabouse o debate. E un pregúntase, en serio a intelixencia económica deste país non dá para máis? E o ano que vén? Case igual, respóndenche, ao 1,5 %.

¡Ah! É que van manter os seus ritmos de gasto público. Non, seguirémolos reducindo, teremos pasado do 2,2 % do 19 a un 1,8 %, pero confiamos en que se activen as exportacións e pasen de crecer un 2,7 a un 3,1 %. O sector exterior evitará a caída da nosa economía. Está a ler ben. Todo o noso marco macroeconómico está supeditado a que a economía mundial se active no 21.

Obvio? Un acode ao Banco Mundial e ao Fondo Monetario Internacional e pregúntalles: como ven o 21? Como o 20. Para este ano agardamos un crecemento do 3,3 % e para o ano, do 3,4 %. Unha décima de diferenza. Décima á que se agarrou a nosa ministra para taparnos o obvio. Imos cara a unhas taxas nas que os crecementos do emprego serán mínimos. Acabouse a festa? Xa, preguntará polo investimento privado, como se estima. Esquézase. Cae en picado. Do 2,2 % do 2019 ao 1,3 % deste ano. Para o 2021 vémola no 1,4 %, recuperándose. A conto de que? O sector exterior.

¡Ah! ¡Canto dá de si China ! Rece porque lle vaian ben as cousas a Pequín porque Madrid xa non ten outra esperanza que non sexa a esperanza amarela. Que pensar? Que hai que usar a política fiscal para activar o investimento privado. Esta estimulará a creación de emprego, e leste impulsará o consumo familiar. Non o ve lóxico? Pois o outro día, un coñecido político, e amais do PP, recriminoume ser liberal. Non podo máis. Voume a Lalín a tomar o cocido e buscar unha boa cachola a quen chorarlle as penas.