O novo cerebro dos aeroportos é galego

MERCADOS

ALBERTO LÓPEZ

Nacido en Rozas, o sistema de PildoLabs Galaica busca optimizar o espazo aéreo e reducir os consumos. Está dirixido, entre outros, a xestores de flotas ou aeródromos

10 novs 2019 . Actualizado ás 05:11 h.

Os seus produtos están dirixidos aos xigantes do aire. A aqueles que dunha forma ou outra moven a millóns de pasaxeiros cada día dun punto a outro do planeta. PildoLabs Galaica voa xa con paso firme desde o aeródromo de Rozas, na localidade lucense de Castro de Rei. O seu son os servizos de xestión do tráfico aéreo. «O noso modelo baséase en tecnoloxía e algoritmos aplicables en calquera aeroporto do mundo», din desde o equipo desta compaña que naceu da súa empresa nai, PildoLabs, e baixo o paraugas da Civil UAVs Iniatiative, a iniciativa impulsada pola Xunta para crear un polo aeronáutico en Galicia. «Decídese crear esta filial galega de PildoLabs para centrarse no desenvolvemento de sistemas e servizos para a coordinación do tráfico aéreo entre aeronaves tripuladas e non tripuladas. O noso modelo de negocio fundaméntase na evolución, adaptación e explotación de servizos xa existentes en PildoLabs para o uso particular na operativa de drones», explican.

Mario Campos e Daniel Viaño xa traballaban para a compaña en Rozas. Foi nun máster de drones da Universidade de Santiago onde coñeceron á súa terceira pata, Víctor Manuel Mosquera. «Coas nosas solucións reducimos tempos de espera, consumo de combustible, emisións de gases contaminantes, minimizando o impacto ambiental, e ademais melloramos a seguridade de operacións aéreas», explican. Unha tarefa nada sinxela que xa teñen en marcha. PildoLabs Galaica xa está a desenvolver produtos de coordinación de tráfico aéreo tripulado e non tripulado para un gran cliente como é Babcock. «Agora, grazas a BFAero, a Business Factory Aero, estamos a desenvolver unha nova liña de produto máis orientada a aeroportos e aeródromos». Eles conseguiron detectar certas carencias nesas instalacións. «Ao analizar datos e estatísticas de numerosos aeroportos vemos como hai moita marxe de mellora na eficiencia das operacións aéreas. Cada pequena optimización que poidamos REVISAR facer repercutirá enormemente nunha redución de combustible, emisións e tempos de espera».

Formar parte de BFAero permítelles obter visibilidade e contactos dentro do sector aeronáutico. «Grazas a iso, estamos a desenvolver unha nova liña de produto máis orientada a aeroportos e aeródromos. Pretendemos o desenvolvemento de produtos e servizos IT para a introdución segura de operacións con drones. Esta proposta de valor fundaméntase nunha transferencia de competencias, e coñecemento específico dentro da aviación, para unha introdución efectiva e segura de operacións a baixa cota mediante medios aéreos non tripulados como, por exemplo, os drones».

Todas estas solucións as conseguen coa imprescindible base que lles dan os datos. «Empezamos en Galicia e no resto de España, pero a nosa vocación é internacional. Aínda que a nosa filial está enfocada ao transporte aéreo, a nosa empresa matriz traballa en conceptos similares de mobilidade urbana», apuntan. E é que o seu nicho de mercado pode estar incluso máis aló dos aeroportos. «As nosas solucións poden resultar útiles para os xestores de flotas de aeronaves e en operacións de urxencia, como a loita contra o lume, e para asistencia humanitaria en áreas remotas ou de difícil acceso».

PildoLabs Galaica viu mesmo como algún xestor aeroportuario xa se interesou nas solucións que están a desenvolver. «Temos a sorte de estar en Rozas, onde podemos realizar numerosos ensaios. Agardamos poder anunciar pronto un piloto nalgún aeroporto galego. Formar parte da aceleradora dános ademais formación en empresa que complementa o noso perfil técnico». Unha plataforma, BFAero, que ten aberto ata o 15 de novembro o prazo da segunda convocatoria para presentar novos proxectos. «É o momento ideal para formar parte deste sector en Galicia. Institucións, industria e universidade estamos a remar xuntos para consolidar os sistemas non tripulados e a aeronáutica en xeral».