Fuxir cara a adiante

David Martínez Rego CEO DE DATA SPARTAN

MERCADOS

10 novs 2019 . Actualizado ás 05:17 h.

Desde os seus inicios, o ser humano mostrou unha ansia natural polo control da súa contorna e o progreso técnico. Mirando cara atrás, o camiño trazado sempre nos traslada unha sensación de progreso innegable cando nos fixamos en escalas de tempo máis afastadas; e de fuxida cara a adiante en tempos máis recentes. Ao meu modo de ver, a sensación de desasosego que cada xeración sente ao analizar as innovacións que lle toca vivir é debida á finitud do tempo que cada un de nós temos dispoñible. A maioría de estruturas sociais e culturais que adoptamos proveñen do pasado e son estas as ferramentas coas que contamos para lidar cun presente voluble e desafiante. Pero estas tradicións, que nos dotan de estrutura e actúan como receita contra a barbarie e vulgaridade, non son senón o resultado dun afán inquebrantable por acadar un ideal de benestar individual e social. O avance técnico vai sempre acompañado da redefinición do ideal de sociedade e comportamento cívico. Son as nosas estruturas sociais tamén un resultado de constante proba e erro. Un ensaio experimental continuo de xeracións pasadas para acadar un modo óptimo de organizarse e relacionarse. Do progreso técnico encárgase a ciencia e a enxeñería. Do segundo, a filosofía, a literatura, a política e o humanismo.

A tecnoloxía dos últimos 15 anos abriunos a porta a situacións para as que non contamos con tradicións cívicas e culturais que nos enfoquen claramente o novo punto de equilibrio do ben común.

Perda de anonimato e explotación desregulada de datos, control automatizado da opinión pública, distorsión da información, automatización de empregos, enfermidades mentais producidas pola non desconexión, a realidade dun eu físico e un eu virtual. Afortunadamente, as humanidades están a definir neste momento -ética dixital, dereito á desconexión, renda básica universal- o que serán estruturas fundamentais da sociedade que vén.