Tecnoloxía led que se adapta a rúas e a monumentos históricos

MERCADOS

cedida

Televés crece no segmento de iluminación coa gama de luminarias e «drivers» que acaban de obter o respaldo de Aenor

18 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A súa iluminación é tan versátil na escuridade da noite ou en recintos pechados que se adapta tanto a rúas como estradas, centros comerciais, áreas recreativas como a instalacións deportivas. A gama AtmosLED que fabrica Televés nas súas instalacións industriais de Santiago pode igualmente dar luz desde a monumentos históricos como a fachadas de edificios. Tanto é así que xa constitúe unha sección de relevo dentro das distintas áreas de negocio da tecnolóxica compostelá. tecnolóxicas do grupo.

Segundo a compaña, as solucións de iluminación profesional led de Televés están deseñadas e fabricadas en España. Teñen unha longa vida útil sen necesidade de mantemento grazas á súa xestión térmica, e proporcionan aforros enerxéticos de ata o 80 % fronte aos sistemas convencionais. A esas vantaxes engádese a posibilidade de incorporar a cada proxecto opcións de monitorización e control que permiten programar a intensidade lumínica da instalación nos horarios definidos polo xestor.

Televés pecha o ciclo completo de fabricación nesta tecnoloxía de iluminación. Ademais da gama de luminarias, a empresa fabrica os denominados drivers, uns pequenos aparellos que se encargan de transformar e adaptar a tensión necesaria para que funcións o aparello led. Son capaces, ademais, de fornecer de forma constante a enerxía necesaria para que a iluminación non se vexa afectada as variacións de tensión.

Pois ben, tanto as luminarias como os drivers que fabrica Televés acaban de obter a certificación ENEC, outorgada por Aenor o que supón, recoñece a compaña, un importante respaldo para as solucións de iluminación, á vez que contribuirá tamén ao éxito dos plans de internacionalización desta liña de negocio, apoiados na estrutura de filiais internacionais coa que xa conta o grupo. Neste sentido, Televés é a cabeceira dun grupo integrado por 20 firmas que dá emprego a 700 persoas e 75 países. Os seus produtos chegan a máis de 100 países.

ENEC é unha certificación con reconociento internacional que se concede só a fabricantes. Con este selo, que figurará nas luminarias AtmosLED, garántese que o produto superou unha auditoría específica, na que se comproba o cumprimento de esixentes requisitos en fabricación, control de calidade e seguridade eléctrica, entre outros aspectos.

As solucións de iluminación de Televés coa gama AtmosLED ofrecen un amplo rango de temperatura de cor (desde 2.200 K ata 5.000 K), e poden adaptarse a calquera aplicación.