Metal das Pontes para os marcadores de Roland Garros

Beatriz García Couce
Beatriz Couce FERROL / LA VOZ

MERCADOS

CESAR TOIMIL

Prometal consolida a súa aposta exterior con obras en Francia, Nixeria ou Filipinas. Seis de cada dez euros da súa facturación proceden da exportación

22 jul 2019 . Actualizado ás 13:02 h.

Os marcadores de Roland Garros, un dos torneos de tenis máis afamados do mundo, teñen selo pontés. O da empresa metalúrxica Prometal, con base no polígono dos Airíos, que está envorcada na exportación. Tanto, que o 60 % da súa facturación procede xa dos mercados exteriores. Ademais de Francia , no que este ano desenvolveu tamén unha obra singular nunha estación de metro de París, a firma logrou contratos para o Reino Unido, Bélxica, Filipinas e varios países latinoamericanos. Como para todas as pemes, para esta firma especializada en estruturas de metal dar o salto ao exterior non foi tarefa doado, pero agora cultiva os éxitos desa aposta.

E é que as obras para a exportación, como un forno de vidro para unha empresa de Bélxica, unhas pasarelas para uns pasos elevados dunha autoestrada en Nixeria ou as estruturas de izado dunha ponte en Filipinas, ademais das xa citadas en Francia, avivaron as vendas desta empresa cunha vintena de empregados. «A estas alturas do ano facturamos xa case tanto como en todo o 2018», explica Daniel Filgueiras, xerente da compaña. Aínda que os mercados exteriores foron un salvavidas que xeraron ingresos e ocupación nos momentos da dura crise económica que azoutou o país, os responsables de Prometal perciben que se está producindo unha recuperación do panorama a nivel nacional. «En España está repuntando bastante o traballo», considera Filgueiras, que xunto co seu socio Raúl Permuy puxeron en marcha esta compaña no ano 2005. A versatilidade que mostrou a firma desde que arrincou é unha das claves do seu crecemento, segundo manifestan os seus responsables. «Facemos de todo, somos moi versátiles e traballamos por proxectos», explica o xerente de Prometal.

Grandes compañas

No entanto, a estratexia na que se baseou a empresa das Pontes nos últimos tempos é na de desenvolver os encargos «da man de grandes empresas que traballan fóra». Estes 14 anos de traxectoria da compaña déronlle a experiencia suficiente para pisar firme nos proxectos internacionais. «O problema é dar o primeiro paso, porque unha vez que pasas a primeira barreira, despois xa vai rodado», asegura Daniel Filgueiras, quen engade que o «ter todas as certificacións posibles che abre moitas portas» no mercado exterior.

Unha posible ampliación das instalacións se segue co seu crecemento

Aínda que Daniel Filgueiras sostén que lles gusta ir aos poucos en Prometal, para ir consolidando o crecemento nestes momentos está a sopesar xa un proxecto para ampliar a súa capacidade no polígono dos Airíos. «A idea é seguir crecendo aos poucos e si, nun futuro queremos facer unha ampliación», admite o xerente da compaña.

Tampouco van abandonar a senda de colaboración con outras compañas, iniciada hai anos e que lles permite, sen abandonar un tamaño pequeno que reduza os custos fixos, poder acceder a obras de maior tamaño. Outras firmas galegas como Metaldeza ou Acebrón protagonizaron proxectos en alianza con Prometal.

Emsamble

Outra expresión desa filosofía colaborativa é a posta en marcha da compaña Emsamble, especializada no deseño, construción e montaxe de casas prefabricadas. Prometal recibira un encargo para unhas casetas para as mariscadoras de Poio , en Pontevedra, que chegou a recibir unha distinción. Posteriormente chegaron novos pedidos «e vimos que había un nicho de negocio», lembra Filgueiras. Pero para atendelo como se merece, os responsables da firma pontesa entenderon que terían que buscar outros socios, e así naceu a firma Emsamble, «que vai como un tiro» no sector.