Sertego xestiona as rodas usadas en Galicia

Javier Benito
Javier Benito REDACCIÓN / LA VOZ

MERCADOS

miguel souto

A empresa investiu 1,5 millóns para ampliar as súas instalacións en Lalín. No 2018 recolleu 15.000 toneladas de pneumáticos para a súa recuperación

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:07 h.

Sertego Servizos Ambientais acaba de ampliar e automatizar o seu centro de transferencia de residuos situado no polígono Lalín 2000 cun investimento de 1,5 millóns de euros. Esta firma, do grupo Urbaser, recolle os pneumáticos usados que se xeran en Galicia. Durante o 2018 xestionou ao redor de 15.000 toneladas procedentes de todos os puntos adheridos ao Sistema Colectivo de Xestión de Pneumáticos Fóra de Uso (Signus).

A carencia de espazo para avaliar as rodas usadas que chegaban ao complexo obrigaba a Sertego a unha rotación moi elevada, «o que implica que a clasificación e o tempo que tes en avaliar e valorar era pequeno», explica Marta Losa , delegada da zona noroeste da firma. Por iso adquiriron dúas parcelas no 2017, acometéndose unha primeira ampliación para mellorar a clasificación. A obra executouse en cinco meses, entre decembro e maio, coa nova maquinaria xa en fase de probas. Ocupáronse 1.000 metros cadrados de superficie, con incremento de seis postos de traballo e varios indirectos.

Silos de descarga

O proxecto acometido por Sertego na súa planta de Lalín 2000 consistiu en emprazar uns silos de descarga para as rodas, onde o persoal os procesa e clasifica dun xeito máis automático a través de dúas cintas diferentes. Nunha delas derívase o material que «vai ao rexeitamento, que se enfarda para a saída ao xestor final», apunta Marta Losa , mentres na outra cinta «o pneumático bo mandámolo ao almacén, onde se realiza unha segunda clasificación e unha verificación cunha máquina antes de comercializalo». Trátase da preparación para a reutilización, tanto para recauchutado como segundo uso.

O material rexeitado neste centro de transferencia xestiónase de forma externa «porque non hai ningún tratamento ou manipulación das rodas». A inmensa maioría, sobre o 91 % anual, remata enviándose ao xestor final, mentres que o 9 % recupérase para segundo uso ou recauchutado. O material xestionado de forma directa pola firma lalinense envíase para a súa valoración a León ou Gardo (Palencia).

Sertego tamén se ocupa da loxística para recoller por toda Galicia eses pneumáticos usados, con 2.700 puntos activos no 2018, con 4.000 dados de alta. O taller debe estar acreditado en Signus, formalizar un pedido a través dunha páxina web e eses datos chegan a unha aplicación coa que traballa a empresa de Lalín. «A diario contrólanse eses avisos e xestiónanse rutas, con prazos marcados en función do tipo de cliente, volume e localización», incide Losa , oscilando entre tres e quince días de marxe. O 95 % da recollida deben facela en prazo, segundo o contrato con Signus.

A recollida realízana con flota propia de vehículos, oito camións propios e dez subcontratados de distintos tamaños. Despois teñen un portacontedores, todo para facer esas rutas diarias e todo se xestiona a través dunha aplicación móbil, para todo tipo de pneumáticos de ata 1,4 metros de diámetro. Por amais desas dimensións Sertego tamén os recolle, pero fose do ámbito Signus. Todas esas rodas usadas teñen unha trazabilidade, para saber de que puntos viñeron e pésanse en báscula, manténdose ese control despois na venda do material bo.

O novo equipamento posibilitou mellorar o enfardado de pneumáticos de turismo para enviar ao xestor, optimizando o volume de toneladas a transportar, de dez a polo menos vinte. Sertego conta cun persoal en Lalín de 42 persoas. Ademais da xestión de rodas recollen, almacenan e nalgúns casos valorizan residuos perigosos ou non perigosos. Por exemplo, aceite usado ou industriais para a súa rexeneración noutras plantas, con 3.000 toneladas ao ano en Galicia. Poden recoller baterías para xuntalas e sacalas ao recuperador, filtros de aceite e teñen autorización para valorizar papel ou metais. Para rematar, ofrecen tratamento físico-químico de augas hidrocarburadas. Nestas liñas teñen ao redor de 2.600 clientes galegos, principalmente talleres. Sertego conta ademais cunha planta de eliminación de residuos industriais en Santiago.