Como crece Galicia: o que di o PIB

Patricio Sánchez MERCADOS

MERCADOS

PACO RODRÍGUEZ

O patrón de crecemento da economía galega experimentou un cambio moi acusado e brusco no último ano.A achega da demanda interna tomou a vez do sector exterior como alicerce central do repunte do produto interior bruto da comunidade. Os negativos sinais que emanan da progresiva perda de peso das exportacións, no entanto, piden a berros unha análise exhaustiva e detallado para aclarar as causas deste comportamento.

16 jun 2019 . Actualizado ás 11:48 h.

Mentres non se demostre o contrario, o principal indicador para medir o crecemento dunha economía é o seu produto interior bruto (PIB). Levamos case un século utilizando esta magnitude para cuantificar o crecemento dun territorio, polo que se converteu, por méritos propios, nunha clara referencia de axentes decisores políticos, económicos e sociais. É certo que, cada vez con máis forza, xorden correntes críticas con esta forma de medir o crecemento, pero as alternativas que se propoñen presentan problemas, cando menos, semellantes.

Neste sentido, estaremos pendentes á iniciativa recentemente anunciada polo Goberno de Nova Zelandia, que apostou de xeito oficial polo uso dun indicador de crecemento alternativo que contemple outros aspectos relativos á calidade de vida da poboación. Pero mentres tanto, na nosa contorna o PIB é a mellor forma de medir a evolución económica no tempo de forma continua e coherente.

Para o caso de Galicia, o PIB é calculado nas contas económicas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) cunha frecuencia trimestral e anual (cada catro trimestres). Así pois, a denominada Contabilidade trimestral proporciónanos o mellor referente para saber canto e como está crecendo a nosa economía. E é neste segundo adverbio, o como, onde merece a pena deterse e prestar atención.

Romper prognósticos

O PIB galego avanzou o pasado ano un 2,8 % con respecto ao anterior, o que supón un descenso de catro décimas con respecto ao 2017. Con todo, constituíu un crecemento superior ao que prognosticaban moitos organismos e institucións, á vez que se situou lixeiramente por amais da media española (2,6 %). O primeiro trimestre do ano a cousa ha ir considerablemente peor en termos de tendencia posto que o incremento foi máis baixo, cifrándose nun 2,3 % interanual (2,4 % para España). No entanto, convén profundar e ir un pouco máis aló destes datos e saber que é o que se esconde detrás deste crecemento. Para iso, o PIB proporciónanos información e ferramentas suficientes sen moito traballo engadido. Unha mera observación dos denominados compoñentes da demanda permítenos identificar un cambio moi notable e brusco no patrón de crecemento da economía galega. En concreto, compróbase como nos catro últimos trimestres o signo positivo do PIB galego vén explicado exclusivamente pola demanda interna (consumo e investimento).

Fronte a este comportamento interno tan destacado, contrasta a debilidade do sector exterior, que leva catro trimestres consecutivos cunha achega negativa (e cunha tendencia decreciente moi marcada).

Este feito pon de manifesto que, a día de hoxe, o crecemento da economía galega susténtase en alicerces totalmente diferentes aos de fai un par de anos, e que foron os que permitiron capear o temporal (por non dicir ciclogénesis) da crise económica. Así, tomando como referencia os datos dos anos completos, o crecemento da actividade económica en Galicia explícase por achega da demanda interna, xa que o saldo exterior neto detrae unha décima ao crecemento agregado do PIB. No ano 2018 a demanda interna achegou a este crecemento 2,9 puntos. Isto supón sete décimas máis que no ano anterior e supón a contribución máis elevada desde o ano 2007, isto é, xusto a comezos da crise. Quere isto dicir que o comportamento económico dentro dos nosos mercados está claramente puxante e con síntomas de dinamismo.

En particular, destaca o forte impulso do investimento (medida en termos de formación bruta de capital), que creceu no 2018 un 7 % interanual fronte ao 5,5 % do ano anterior. Igualmente sobresae o consumo privado, que presenta unha importante aceleración no seu ritmo de crecemento rexistrando, no 2018, unha taxa de variación interanual do 2,3 % (un punto porcentual superior ao do 2017). O outro compoñente da demanda interna (o consumo das administracións públicas) tamén presenta unha tendencia favorable, aínda que modera o seu avance con respecto ao ano anterior. Xa que logo, os tres indicadores da demanda interna de Galicia remataron o ano 2018 cun comportamento no cuarto trimestre máis positivo que no trimestre anterior.

E unha de area

Como xa foi anticipado, un comportamento radicalmente oposto ao da demanda interna obsérvase no sector exterior. As cifras do 2018 do produto interior bruto de Galicia poñen de manifesto que o ano rematou cunha tendencia claramente negativa. En concreto, no último trimestre produciuse unha contracción tanto das exportacións como das importacións (-1,8 % e -1,4 %, respectivamente). Trátase este de un feito que non se producía desde o primeiro trimestre do 2015.

Deste xeito, no conxunto do exercicio as vendas das empresas galegas ao exterior creceron con respecto ao ano anterior un 3,4 %, á vez que as compras fóra de Galicia aumentaron nun 3,9 %. Estas porcentaxes implican unha situación preocupante por dous motivos. En primeiro lugar, porque supón un descenso con respecto ás cifras do ano anterior (5,5 % e 3,2 %, respectivamente) e, sobre todo, porque a achega da demanda externa en Galicia acada valores negativos (detrayendo unha décima respecto ao crecemento agregado do PIB).

Con todo iso, o sinal máis preocupante é a tendencia que parece ter emprendido, posto que os datos dispoñibles do primeiro trimestre deste ano agravan aínda máis a situación. As exportacións galegas descenderon en termos interanuais un 8,4 %, á vez que as importacións diminuíron un 7 %. Máis aínda, desde o segundo trimestre do ano pasado, a demanda externa detrae décimas ao crecemento do PIB, o que contrasta con períodos como o segundo trimestre do ano 2017 (cando chegou a superar en taxas de crecemento ao da demanda interna).

Todos estes datos, e sobre todo a súa tendencia, supoñen un claro sinal de alarma sobre a debilidade do sector exterior galego. Iso vén explicado pola súa elevada concentración (tanto xeográfica como sectorial) que fan ás nosas exportacións claramente dependentes dos países destinos (un 75 % á Unión Europea). Como é coñecido, ningún deles (Italia, Alemaña, Francia…) está a pasar polos seus mellores momentos.

Investir a situación

Así pois, faise necesario analizar con máis detalle as causas e razóns deste comportamento tan negativo do sector exterior de Galicia pero, a pesar das súas bondades, o PIB non permite profundar máis. Está identificado o principal problema do crecemento a escala macro de Galicia na actualidade: o seu sector exterior. Se ademais pensamos que ata fai non moito foi un robusto alicerce sobre o que se sustentaba, convén revisar con calma que é o que cambiou e de que xeito, para que a situación sexa xustamente a inversa.