Lugo impulsa o I+D vinculado á industria dos drones

Laura López LUGO / LA VOZ

MERCADOS

Santi M. Amil

USC e Agasint acordan potenciar a investigación e canalizar as necesidades do sector

07 novs 2019 . Actualizado ás 14:36 h.

Lugo converteuse nun polo de atracción para as empresas aeronáuticas. O impulso da investigación a través do Campus Terra da USC, a creación de novas firmas do sector e toda a actividade aeroespacial xerada en torno ao aeródromo de Rozas son tres alicerces básicos deste auxe. E neste contexto asinouse esta semana un convenio entre a USC e Agasint (Asociación Galega de Empresas de Sistemas Intelixentes non Tripulados) cuxos principais obxectivos son mellorar a formación, potenciar o I+D+i e canalizar as necesidades do sector.

Os sistemas tripulados en forma remota, tanto aéreos como terrestres ou acuáticos, constitúen un sector en expansión e, en moitos casos, son ferramentas innovadoras que precisan de profesionais cun alto grao de formación, segundo explica Marco Antonio Rubinos Román, da empresa 3edata, unha spin-off tecnolóxica nada no campus lucense e adherida na actualidade a Agasint. Para Rubinos, a creación de lazos entre empresas tecnolóxicas e centros de investigación é, xa que logo, «lóxica e necesaria». 

Pola súa banda, o presidente de Agasint, Luis Aceituno, sinalou que os obxectivos da asociación que lidera pasan por trasladar e canalizar as esixencias específicas de formación: «Cada vez identifícanse novas necesidades de coñecemento entre os técnicos que están a desenvolver traballos nas empresas tecnolóxicas, o que dá pé a nichos de emprego emerxentes no contexto do mercado laboral», afirmou.

As empresas tecnolóxicas

Un dos labores específicos deste novo convenio é colaborar na formación práctica do estudiantado matriculado no máster interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados -coordinado por Mariluz Gil Docampo-, que se imparte na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e na UVigo. Difundir o traballo que están realizando as empresas tecnolóxicas e divulgar os resultados dos proxectos que desenvolven é outra das pretensións desta colaboración, coa que tamén se busca facilitar a incorporación ao mercado laboral dos futuros titulados, segundo engadiu Aceituno.

En calquera caso, o acordo non se limita ao citado máster, senón que busca completar a formación do alumnado que curse calquera outro programa de estudos da USC neste ámbito do coñecemento, mediante a colaboración coas empresas do sector. O obxectivo é integrar a formación, investigación e desenvolvemento científico e tecnolóxico co sector socioeconómico. Os representantes empresariais destacaron o «carácter ambicioso» dun convenio marco que está aberto a múltiples posibilidades.

Esta colaboración non é unha acción illada, segundo destacou Rubinos, posto que está enmarcada no desenvolvemento do polo tecnolóxico aeronáutico de Rozas. O Centro de Ensaio con Avións non Tripulados de Rozas (Ciar), a Business Factory Aero ou a Civil UAVs Initiative son algunhas das iniciativas que se están desenvolvendo na provincia de Lugo e que contan cunha participación activa tanto da USC como das empresas de Agasint.