Consentir o corpo e enriquecer a vida social sen saír do ximnasio

Rosa Estévez
R. Estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

MERCADOS

MARTINA MISER

10 feb 2019 . Actualizado ás 04:45 h.

«Desde que nos xubilamos, vimos ao ximnasio. Facemos unha hora na sala, e pasamos outro intre na piscina». Francisco e a súa muller van practicamente a diario ás instalacións de Serviocio en Vilagarcía. Non son un caso único. Porque neste centro deportivo, o 19% dos usuarios teñen máis de 65 anos de idade. Cóntao Javier Magariños, o director dunhas instalacións nas que a presenza de persoas maiores non para de crecer desde hai anos. «É unha tendencia moi clara. Cada vez, a xente quere coidarse máis. E cando deixan a vida laboral activa, apuntarse ao ximnasio é algo que fan moito. Por que? Por unha banda porque se coidan, séntense máis saudables. E polo outro, porque socializan. Charlan, tómanse un café ao saír...». E todo sen présa.

No ximnasio de Vilagarcía, o horario de mañá é patrimonio dos maiores. Así que é aí onde se concentra a oferta máis específica para este perfil de usuario. «En xeral, ampliamos a oferta de cursos e concentrámola moito nesas horas nas que eles veñen». Véselles subidos ás bicicletas, á cinta de andar, ou entrando e saíndo das clases de ioga. Tamén na piscina, porque as clases na auga causan furor entre os deportistas de máis idade. «Hai moita xente que non sabía nadar e que agora que acabaron a súa vida laboral, que teñen tempo, márcanllo como un reto. Así que hai moitos nos cursos de iniciación, ou en ximnasia de mantemento».

Asegura o director da piscina e o ximnasio de Vilagarcía que este tipo de usuarios esixe tamén unha modulación dos monitores. Para estes, asegura Magariños, é «moi emocionante traballar con este tipo de perfís». Poida que rendan menos nas máquinas, pero o seu esforzo e o seu empeño resultan gratificantes. «E ver, sobre todo, como mellora a súa calidade de vida, como se esforzan para estar mellor», explica Magariños.