«Nesa época abríronse incluso hoteis: o cambio foi innegable»

Gladys Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

O Tempo. MAREAS

J.M. CASAL

22 abr 2018 . Actualizado ás 04:45 h.

11 de xaneiro de 1999. Unha localidade contiña a respiración. Esa noite apenas había circulación en Laxe. Estaba a piques de estrearse a serie que lles retrataba: Mareas Vivas. Saía así á luz o proxecto que Voz Audiovisual empezaba a gravar na Costa da Morte desde o verán anterior. Portozás convertíase na localidade máis pintoresca de Galicia. Un antes e un despois na produción de ficción galega.

Antón Carracedo tomaba o bastón de mando de Laxe coa serie xa en emisión. «Non podo ter mellor recordo. Nós xa eramos un polo de atracción de turismo, pero o cambio e o beneficio foi innegable». E é que ademais de retratar a vida de Currás ou de Andrés, Mareas Vivas fixo protagonista da trama á paisaxe de todo a área. «Toda a zona notou o cambio. Chegou moita xente mesmo de Galicia que non nos tiña presentes. Notouse moito na hostalería. Tamén nos hoteis. Foron varios os que abriron nesa época», lembra Carracedo, que se enfrontou á necesidade de servizos. «Manter aínda hoxe o turismo de calidade precisa de investimentos e iso si que non foi tan sinxelo».

O ano 2000 estaba amais e con el a prosperidade. «A construción aumentou. Foron moitos os que mercaron unha segunda residencia na zona. Mercaron e trouxeron con eles ás súas familias».

Carracedo lembra tamén a aquel numeroso grupo que revolucionou Laxe. Era un equipo de 70 persoas, incluídas actores. Deles, 50 vivían no pobo. E así ata o ano 2002, cando rematou a gravación. Ocupaban hoteis e pisos, pero tamén as mesas de restaurantes e bares. Desde o equipo confirman que houbo quen se chegou a empadroar na localidade e que en cada visita os veciños saúdanlles con cariño. E é que Mareas Vivas entrou na casa de medio millón de galegos. O capítulo 40 da serie tivo un 50 % de share.